Antonio Pantín fai un 'Sergio Ramos' co seu trofeo de MVP da Copa LEB Prata

Marín
25 de xaneiro 2016

A celebración polo histórico título do Marín Peixe Galego tivo como anécdota a desafortunada acción do MVP do partido, Antonio Pantín, ao que se lle caeu o seu trofeo de xogador máis valioso partindo en dous. O Concello de Marín prepara unha recepción oficial ao equipo

Antonio Pantín recibe o trofeo MVP da Copa LEB Prata en Ávila
Antonio Pantín recibe o trofeo MVP da Copa LEB Prata en Ávila

Liderou ao Peixe Galego nunha tarde histórica, cara ao título de campión da Copa LEB Prata, e así foi recoñecido ao recibir o trofeo de mellor xogador da final (MVP).

Antonio Pantín anotou 15 puntos e conseguiu 12 rebotes, 4 asistencias e 5 tapóns para sumar 34 puntos de valoración nunha noite máxica, na que tamén acabou protoganizando a anécdota da xornada.

Fíxoo cando en plena celebración protagonizou un 'Sergio Ramos', aínda que nesta ocasión non co trofeo de campión senón co seu MVP, que terminou partido en dous ao caerlle ao chan.

Ocorreu no parking anexo ao pavillón Carlos Sastre de Ávila mentres cargaba a súa equipaxe na furgoneta do equipo.

O suceso non pasou desapercibido para os seus compañeiros, que lle lembraron o ocorrido co capitán do Real Madrid de fútbol e unha Copa do Rei. Unha anécdota que non fixo senón achegar unha dose de humor a unha xornada que o plantel celebrou ao grande, do mesmo xeito que os afeccionados 'peixes' presentes, unha afección que poderá volver mostrar o agradecemento aos xogadores na recepción oficial que o Concello de Marín prepara para os próximos días.