A marcha de Darío Suárez e a lesión de Emilio Oubiña obrigou o Peixe Galego a acudir ao mercado para reforzarse e afrontar con garantía un ilusionante tramo final da tempada.
Instalado no liderado da liga LEB Prata, o cadro marinense necesitaba un maior fondo de armario para tentar manetener a súa posición de privilexio durante a segunda volta e chegar en bo estado ao play-off.
Por iso a entidade presidida por Luís Santiago moveuse con rapidez pechando a fichaxe de Carlos Noguerol, base de 22 anos que procede do Club Baloncesto Chantada da liga EBA.
Noguerol, que promedia esta tempada máis de 14 puntos por partido, adestraba habitualmente co primeiro equipo do Breogán, de LEB Ouro.
O novo xogador 'peixe' podería debutar este mesmo sábado en Zaragoza, onde o equipo adestrado por Javi Llorente enfrontarase ao penúltimo clasificado, o Simply Olivar (20:00 horas).