Agónico triunfo tras dúas prórrogas do Peixe Galego en Huesca (102-105)

Marín
15 de outubro 2016

Segunda vitoria da tempada para o club marinense, que dominou o encontro durante o primeiros tres cuartos, aínda que o Huesca conseguiu igualar ao final e levar o choque ao tempo extra. Tim Derksen sobresaíu no Peixe con 32 puntos

Partido entre Magia Huesca e Peixe Galego
Partido entre Magia Huesca e Peixe Galego / Club Baloncesto Peñas Huesca

Segundo triunfo da tempada, primeiro a domicilio, para un Peixe Galego que segue sorprendendo a propios e estraños na LEB Ouro, despois dun encontro que tivo na man pero que terminou por decidirse nun agónico final (102-105) na cancha do Magia Huesca.

Os de Marín dominaron o partido desde os compases iniciais, abrindo 10 puntos de renda no primeiro cuarto (13-23) grazas sobre todo a unha notable intensidade defensiva.

A vantaxe chegou a ser de 18 puntos mediado o segundo parcial (28-46), cunha gran achega da segunda unidade e o liderado anotador de Tim Derksen (32 puntos), pero o Huesca reaccionou para chegar ao descanso (40-50).

O Peixe mantivo o nivel no terceiro cuarto e cando parecía encarrilar o choque viviu os seus peores minutos dando vida aos locais, que forzaron a prórroga. Empezaba outro partido e a pesar de que os Javi Llorente seguían levando a iniciativa non conseguían romper o marcador ao seu favor.

Tiveron que esperar ao segundo tempo extra para, cun parcial de saída de 0-6 e Andrés Miso (21 puntos) martilleando ao rival en ataque, decidir finalmente a balanza ao seu favor.

Consulta aquí as estatísticas do partido.