Agridoce estrea do Froiz na Copa de España

Pontevedra
26 de febreiro 2017

Ángel de Julián, décimo quinto, foi o mellor corredor do equipo pontevedrés no Circuíto do Guadiana, proba ciclista que inaugurou este domingo o calendario da Copa de España Elite e Sub-23

Chegada a meta no LI Circuíto do Guadiana Real Federación Española de Ciclismo

O bo traballo realizado polo Froiz no LI Circuíto do Guadiana non deu os froitos esperados, regresando o equipo pontevedrés cunha sensación agridoce na súa estrea na Copa de España Elite e Sub-23.

Ángel de Julián, décimo quinto en liña de meta a 28 segundos do gañador, foi o mellor dos corredores do equipo pontevedrés na carreira disputada este domingo e que inauguraba o calendario desta competición.

A carreira, dipustada na localidade estremeña de Don Benito, caracterizouse pola rapidez cun media superior ao 43 km/h nun percorrido de 171 quilómetros na súa maioría chairos. Con todo foi a última ascensión ao alto de Magacela a que decidiu o triunfo.

Un grupo de catro ciclistas marchou na cabeza, mantendo entre 20 e 30 segundos de vantaxe sobre o pelotón nos últimos quilómetros e ata a liña de meta, na que gañou o madrileño Gonzalo Serrano (Caja Rural).

A 28 segundos chegou o pelotón, con todos os cilistas do Froiz menos David González, que se retirou por molestias no xeonllo, e unha das mellores opcións do equipo en chegadas masivas, o portugués Leonel Coutinho, que caeu no último quilómetro sen consecuencias graves. Consulta aquí as clasificacións completas do LI Circuíto do Guadiana.

A Copa de España Elite e Sub-23 vivirá a súa segunda parada o vindeiro domingo 5 de marzo no País Vasco coa Aitzondo Klasika.