O Froiz recobra moral na Copa de España cun segundo posto de Martín Lestido no Trofeo Guerrita

Pontevedra
13 de marzo 2017

O ciclista do equipo pontevedrés cedeu no sprint final ante o seu compañeiro de fuga, Aleksandr Grigorev (Mutua de Levante) e aínda que aínda lonxe do liderato da Copa de España escala posicións na clasificación xeral  

Martín Lestido entra segundo na meta do Trofeo Guerrita
Martín Lestido entra segundo na meta do Trofeo Guerrita

Á terceira por fin o Froiz logrou estar na cabeza na Copa de España Élite e Sub-23, aínda que quedou co mel nos beizos ao rozar Martín Lestido o triunfo final no XXVI Trofeo Guerrita disputado na localidade murciana de Alcantarilla.

Lestido chegou escapado a meta xunto a Aleksandr Grigorev (Mutua de Levante), que se impuxo no sprint final. O dúo de cabeza saltou a 8 quilómetros de meta dun grupo de sete unidades que marchara por diante catro quilómetros antes no que tamén estaban López-Cozar, Álvaro Cuadros (Caja Rural-Seguros RGA), Sergio Samitier (Lizarte), Erlend Sor (Escribano) e Senén Landaburu (Aldro Team). 

A carreira empezouse a decidir na ascensión a La Perdiz, de primeira categoría, na que rompeu o pelotón quedando na cabeza un selecto grupo de corredores, entre os que estaban os grandes favoritos como o líder da Copa, Gonzalo Serrano (Caja Rural). 

Pese aos intentos constantes de fuga, non foi ata que restaban 12 quilómetros cando callou a escapada final, na que se atopaba Lestido.

En meta, López-Cozar (Fundación Euskadi) foi terceiro a 22 segundos, o resto de escapados chegaba a 39 segundos e o pelotón a 1:52, encabezado por Oscar Pelegrí e Gonzalo Serrano.

O segundo posto permite a Marín Lestido dar un importante salto na clasificación xeral da Copa de España, ao situarse con 125 puntos, aínda que aínda se atopa lonxe do líder, Serrano, que tras trres carreiras acumula xa 322 puntos fronte aos 278 do segundo clasificado, que agora é o seu compañeiro Pelegrí.

A Copa de España descansa agora unha semana para afrontar a súa cuarta puntuable o domingo 26 de marzo co V Memorial Momparler, en Villanueva de Castellón (Valencia).