Águeda Cons pecha o Campionato de España Junior coa súa segunda mínima mundialista

Pontevedra
22 de marzo 2017

A nadadora pontevedresa fíxose co ouro nos 400 libre conseguindo ademais a que é a súa segunda marca mínima para o Campionato do Mundo Junior que se celebrará en agosto na universidade estadounidense de Indiana. O Galaico pecha o campionato con catro medallas de ouro

Águeda Cons durante unha competición en Pontemuiños
Águeda Cons durante unha competición en Pontemuiños / Mónica Patxot

Volveuno facer. Na última xornada do Campionato de España Junior de Natación en Xixón a pontevedresa Águeda Cons certificou a que é a súa segunda mínima para o Campionato do Mundo da categoría, que se celebrará o próximo mes de agosto na universidade estadounidense de Indiana.

Despois da súa medalla de ouro e marca mínima nos 800 libre, conseguida o pasado domingo, Águeda repetiu este martes na proba de 400 libre, na que logrou un gran rexistro de 4:14.11 para baixar en máis dun segundo o tempo que lle facía falta (4:15.33).

A nadadora do Galaico superou con solvencia á segunda clasificada e fíxose coa que é a súa cuarta medalla no Nacional.

Aos dous ouros de Águeda Cons súmanse as medallas conseguidas polo equipo de remudas do club pontevedrés coa propia Águeda, Inés Gómez, Clara Otero e Nuria Erselle, xa que despois de impoñerse ao comezo do campionato no 4x200 fixo dobrete co primeiro posto no 4x100 libre, proba na que marcaron un tempo de 3:57.58.