Volve a festa da natación de base co XII Trofeo Promesas do Lérez

Pontevedra
30 de marzo 2017

A piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuiños será sede un ano máis da competición, que reuniá máis de 450 xóvenes deportistas de clubs galegos e portugueses durante toda a xornada do sábado

Presentación do XII Trofeo Promesas do Lérez de natación
Presentación do XII Trofeo Promesas do Lérez de natación / PontevedraViva

A piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuiños converterase durante toda a xornada do sábado 1 de abril nunha festa da natación de base coa celebración do XII Trofeo Internacional Promesas do Lérez.

Inscribíronse na competición 18 clubs de Galicia e Portugal, polo que se reunirán en Pontevedra ata 457 deportistas nas idades prebenxamín, benxamín e alevín.

"Para algunos es su primer contacto con piscina de 50 metros y crono electrónico. La intención es que se inicien un poco en la competición", explicou o presidente do Galaico, José Miguel Cano.

De feito as novas promesas poderán gozar de parte da montaxe prevista para o Campionato de España Open de Primavera que se celebrará desde o día 8 de abril en Pontevedra, como unha pantalla xigante na que se irán mostrando os nomes e tempos de cada competidor.

O Trofeo arrincará ás 10:30 horas do sábado cunha programación que se estenderá ata as 13:00 horas e que pola tarde será de 17:00 a 19:30 horas.