Alberto Delgado, xogador do Cisne, rompe o ligamento cruzado

Pontevedra
24 de setembro 2025

O club confirmou a gravidade da lesión causada no segundo partido de Liga disputado en Sevilla ante o Proin. Deberá ser intervido cirurxicamente

Alberto Delgado, xogador do Cisne
Alberto Delgado, xogador do Cisne / Club Balonmano Cisne

O Club Balonmano Cisne confirmou a través dun parte médico que o xogador Alberto Delgado sofre unha rotura completa do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito, lesión que requirirá intervención cirúrxica.

O xogador canario lesionouse durante o segundo encontro de Liga DHPM que disputou o seu equipo en Sevilla fronte ao BM Proin.

A gravidade da lesión obrigará a Delgado a pasar polo quirófano, sendo o tempo de baixa determinado pola evolución da súa recuperación tras a operación.

A entidade pontevedresa amosou publicamente o seu apoio ao deportista a través dun comunicado no que "toda a familia do Club Cisne Balonmano" apoia o xogador neste difícil momento.

Esta lesión do extremo dereito supón o segundo contratempo importante da tempada que acaba de iniciarse para o conxunto do Cisne.

O pasado 7 de setembro, Víctor Fernández tamén sufriu unha mancadura no xeonllo durante a Supercopa de Galicia disputada contra o Cangas. O central do equipo optou por un proceso de recuperación conservador e atópase actualmente en fase de rehabilitación.