Tras uns meses "complicados", Alberto Gil afirma que "agora estou ao 100%". Así o sinalou o extremo valenciano durante a súa presentación como novo xogador do Pontevedra, ao que afirma que chega para "aportar desde onde sexa".
"Non hai moito que pensar cando vén a por ti un club como o Pontevedra", sinalou o futbolista, que procede do CD Guadalajara e que estivo arroupado polo coordinador da secretaría técnica do club, Jacobo Maestre.
Afirma que nos poucos días que leva na cidade de Pontevedra "xa se nota a magnitude deste club", un equipo que, segundo destacou, "está a facer as cousas moi ben" e que ten unha afección "incrible".
Aínda que recoñece a súa proximidade co técnico granate, Rubén Domínguez, co que coincidiu tres anos no Ourense CF, Alberto Gil, defendeu que "ninguén me vai a regalar nada" e que terá que traballar "día a día" para facerse un oco no equipo.
"El sabe o que lle podo achegar ao equipo e eu sei o que me vai a pedir", apuntou.
Para el, "xa non é anecdótico" que o Pontevedra estea a loitar polo ascenso, porque afirma que os seus compañeiros están a asinar unha tempada "espectacular" e considera que "se ve no día a día por que están na situación na que están".
Tras recoñecer que houbo "conversacións" no verán para a súa chegada a Pasarón, o extremo chega agora tras superar uns meses complicados que, segundo subliñou, "axudáronme a aprender moitísimo".
"Son unha persoa que sempre do malo tende a sacar o mellor", confesou o futbolista, que afirma que chega "con moitas ganas" e disposto a ocupar posicións de ataque "xa sexa pola dereita, pola esquerda ou na mediapunta".
Cando lle toque xogar, garantiu, "fareino da mellor forma posible e xa está".

CHEGARÁN MÁIS REFORZOS
Jacobo Maestre, pola súa banda, avanzou que "quedan un par de xogadores por chegar" neste mercado de inverno, un reforzo que o club espera pechar esta mesma semana.
"Estamos a ver cales son as posibilidades que máis nos poden axudar de aquí a final de tempada", sostivo Maestre, que recoñeceu que unha das prioridades do corpo técnico sería un dianteiro.
Serán, en todo caso, xogadores que "poidan achegar máis do que temos", insistiu o responsable da secretaría técnica, que sentenciou que "até o último día pode pasar de todo".