Alcorcón imponse a Poio Pescamar (5-3) e aperta a clasificación para a copa

Poio
12 de maio 2018

A Copa de España está un pouco máis cara para o Poio Pescamar tras a súa derrota en Alcorcón. As de Marcio Santos ven apertarse a clasificación, cun Penya  Esplugues que non cede e ameaza a sétima posición que ocupa o equipo "rojillo" a só tres puntos de distancia

Partido entre Poio Pescamar e Alcorcón na Seca Diego Torrado

A Copa de España está un pouco máis cara para o Poio Pescamar tras a súa derrota en Alcorcón. As de Marcio Santos ven apertarse a clasificación, cun Penya Esplugues que non cede e ameaza a sétima posición que ocupa o equipo "rojillo" a só tres puntos de distancia.

O partido daba comezo cun tanto de Vane Sotelo aos tres minutos de xogo, culminando un centro ao segundo pau cun disparo raso para bater a Mónica. As oleiras facíanse co mango do xogo, ante un Poio que alternaba a presión en metade e en tres cuartos de cancha.

Aos 15 minutos, a ourensá Sotelo poñía o 2-0, pero o conxunto pontevedrés conseguía reaccionar antes do descanso igualando o luminoso con senllos tantos de  Ceci e de Jenny.

Na segunda parte, unhas e outras alternaban o dominio do tempo de partido, pero non conseguían aproveitar os seus achegamentos para desnivelar o marcador, ata que aos 32 minutos, Desi, a pase de Vane Sotelo finalizaba unha contra superando por baixo a Mónica poñendo o 3-2 para as oleiras.

O paso dos minutos obrigaba ao Poio a correr riscos sobre a pista e no tramo final do partido optaba polo xogo de cinco. Baixo esta premisa táctica, Vane Sotelo conseguía encarrilar a vitoria local cun gol desde cancha propia a porta baleira tras un roubo de balón. Un minuto despois, Anita Luján tamén a porta baleira a pase de Irene Samper, anotaba o 5-2 e case co tempo cumprido, Jenny á saída dun córner establecía o resultado definitivo.

AD ALCORCÓN (5): Belén; Desi, Irene Samper, Sila e Vane Sotelo (quinteto inicial). Tamén xogaron, Sara Sanz, Anita Luján e Laura.

POIO PESCAMAR (3): Mónica; Ceci, Iria, Jenny e Daniela (quinteto inicial). Tamén xogaron, Patri Corral,  Cárol e Ale de Paz.

Goles: 1-0, min. 3 Vane Sotelo. 2-0, min. 15 Vane Sotelo. 2-1, min. 18 Ceci. 2-2, min. 19 Jenny. 3-2, min. 32 Desi. 4-2, min. 37 Vane Sotelo. 5-2, min. 38 Anita  Luján. 5-3, min. 40 Jenny.

Incidencias: Pavillón Os Cantos (Alcorcón). Uns 300 espectadores.