Alejandro Muñiz renova a súa condición de árbitro internacional FIFA para 2026

Pontevedra
10 de decembro 2025

O pontevedrés, internacional desde 2024, é un dos 51 colexiados españois que lucirá durante 2026 a escarapela da FIFA

Alejandro Muñiz, no partido entre Valencia e Levante da tempada 25-26
Alejandro Muñiz, no partido entre Valencia e Levante da tempada 25-26 / LaLiga

A arbitraxe pontevedresa seguirá a contar en 2026 cun colexiado internacional.

Alejandro Muñiz renovou a súa condición de árbitro internacional FIFA, categoría que alcanzou en 2024.

El é un dos 51 árbitros españois que foron distinguidos coa escarapela da FIFA na gala anual do Comité Técnico de Árbitros (CTA) celebrada en Madrid.

Non puido con todo estar presente o pontevedrés no acto celebrado este martes, xa que estaba designado precisamente como cuarto colexiado do partido de Champions League que enfrontaba a Atalanta e Chelsea.

Xunto ao pontevedrés, a arbitraxe galega contará en 2026 con outros tres representantes internacionais, como son a coruñesa Eugenia Gil Soriano, o asistente coruñés Diego Sánchez Rojo e o ferrolán Javier Iglesias Villanueva como ábitro VAR.

Muñiz Ruiz afronta este ano a súa sexta tempada en Primeira División, categoría na que dirixiu xa 82 partidos.

No que respecta ás competicións internacional exerceu de árbitro principal en tres encontros de fase previa da Champions League e outro máis da Conference League.

Ademais arbitrou un partido de seleccións absolutas entre Colombia e Romanía.