O Rallye de Pontevedra quere ser toda unha festa do automobilismo, e para iso necesita a colaboración de todos, desde o público aos propios pilotos.
Por ese motivo, a practicamente unha semana da celebración da súa oitava edición, a organización da competición deportiva lanzou un aviso aos participantes tras detectar "condutas e conducións inadecuadas" nos tramos polos que discorrerá a carreira.
"Levamos desde o luns recibindo queixas por parte dos veciños que residen nos treitos do rallye de que se están a realizar condutas e conducións inadecuadas nos mesmos, poñendo en perigo a residentes e animais, así como tamén ás pertinentes autorizacións da proba", alertan desde o Rallye de Pontevedra, organizado pola Escudería Congostra Team Sanxenxo.
Aseguran que este tipo de comportamento "prexudican seriamente o Rallye de Pontevedra".
"O Rallye é o día 5 e o 6 de xuño, non antes", afirman pedindo aos responsables destes comportamentos "que se queredes que o rallye teña continuidade nos respectedes, tanto a nós como aos veciños que nos acollen cos brazos abertos, pero que non teñen por que aguantar estas actitudes".
Ante esta situación, avisan que no caso de persistir as condutas inadecuadas nos tramos "procederase a identificar ante a Garda Civil de Tráfico e o GIAT da Garda Civil as matrículas dos vehículos vistos polos veciños cometendo estas accións ou os gravados polas cámaras de seguridade e vixilancia que hai habilitadas na zona".
Ameazan por último con instruír as "pertinentes sancións administrativas e deportivas".
Cabe lembrar que o VIII Rallye de Pontevedra arrincará o vindeiro venres 5 de xuño cun 'shake down' ou tramo espectáculo na Escusa, en Poio, e terá continuidade o sábado 6 nos tramos habilitados en Cerdedo Cotobade, outro entre Moraña e Barro e o último entre Sanxenxo e Meaño.