O primeiro adestramento da tempada 26/27 do Pontevedra Club de Fútbol deixounos caras novas como a de Jerín Ramos e outras máis coñecidas como a de Álex Comparada 'Compa', referencia no ataque do equipo da Boa Vila.
A tempada do dianteiro non pasou desapercibida no panorama nacional, pois o de Pontecesures pechou o curso con nove tantos na súa conta particular en Primeira Federación e un na Copa do Rei, unhas cifras extraordinarias para un xogador tan novo que chegaba procedente de Terceira Federación.
Agora Compa afronta un novo curso á fronte do ataque do Pontevedra "con moita ilusión, con moita xente nova e coñecéndonos aos poucos, quédanos moito traballo por diante".
Tamén se pronunciou sobre a súa continuidade no conxunto lerezano: "Teño un ano máis de contrato aquí entón, contento por estar aquí, que ao final eu traballei para xogar en equipos como o Pontevedra e agora que estou aquí, pois tentar coller confianza neste novo equipo"
A pesar de que os seus números lle colocan como unha das referencias desta nova tempada en Primeira Federación, Álex Compa asegura que "aquí todos somos iguais, todos somos importantes, nin eu son máis por facer a tempada anterior, nin un novo é menos".
"Aquí todos achegamos o mesmo e o importante é conseguir os obxectivos que nos marque tanto o club como o míster", detallou o dianteiro do Pontevedra.
Outro dos nomes propios neste primeiro día de traballo é o de Jerín Ramos, pois chegou ao conxunto granate procedente do Ourense CF, club no que xa coincidiu con xogadores como Marqueta, Tiago e Alberto Gil baixo as ordes de Rubén Domínguez: "Lévome moi ben con eles, enténdome moi ben con eles e a verdade que moi contento de estar aquí neste novo proxecto".
O caboverdiano afirmou que o feito de reencontrarse con antigos compañeiros e corpo técnico é algo que facilita a súa adaptación: "ao final chegar aquí e coñecer a xente é máis fácil e ponmo máis fácil".
Ambos os efectivos parten como xogadores importantes para os obxectivos do Pontevedra Club de Fútbol neste novo curso na terceira categoría do fútbol español.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.