O Pontevedra arrinca unha nova tempada na que "a ambición non vai faltar"

Pontevedra
15 de xullo 2026
Actualizado: 14:48

Rubén Domínguez dirixiu este mércores a primeira sesión de adestramento da tempada 26/27 con 22 xogadores entre os que se atopaban as nove incorporacións e catro do filial

Primeiro adestramento da tempada 26/27 do Pontevedra CF
Primeiro adestramento da tempada 26/27 do Pontevedra CF / Cristina Saiz

O balón rodou este mércores no céspede do Manolo Barreiro para dar inicio á temoporada 2026/2027 do Pontevedra Club de Fútbol. Baixo as ordes de Rubén Domínguez e o seu corpo técnico, 22 xogadores completaron a primeira sesión de adestramento ao redor das once da mañá.

Entre eles figuraban as nove incorporacións, os outros nove xogadores con ficha do primeiro equipo e catro máis do filial. A sesión, dunha duración de aproximadamente unha hora e media, alternou moitos exercicios con balón con outros máis físicos propios destas primeiras semanas de preparación.

Exercitáronse ao marxe do grupo dous dos renovados da pasada tempada como son Tiago e Juanra. O primeiro deles realizou unicamente exercicios en solitario mentres que o segundo, que completou case todo o adestramento de forma individual, tamén se integrou nalgunha tarefa co resto do equipo.

Primer entrenamiento de la temporada 26/27 del Pontevedra CF
Primeiro adestramento da tempada 26/27 do Pontevedra CFCristina Saiz

Foi un día de reencontros como o de Jerín co técnico Rubén Domínguez e os seus excompañeiros do Ourense CF Marqueta, Alberto Gil e Tiago. Precisamente o adestrador ourensán falou deste arranque da tempada e da confección do plantel.

"Volvemos ser un equipo practicamente novo, as comparacións co equipo do ano pasado non teñen que existir porque é un equipo completa e absolutamente novo", destacou Domínguez, que apuntou que "temos un grupo de bos xogadores e agora o que se trata é de construír ese equipo que logramos construír no pasado".

O gran curso 25/26 do equipo deixa un listón difícil de superar. Para Rubén Domínguez a expectativa "volve ser o primeiro partido de liga e desde aí conseguir o que conseguimos no pasado, que o Pontevedra en cada partido podía mirarlle aos ollos a calquera equipo"

"O primeiro obxectivo clarísimo é chegar a 45 puntos e desde aí, como xa nos coñecedes, non imos mentir, desde aí ambición non vai faltar", puntualizou o ourensán.

Primer entrenamiento de la temporada 26/27 del Pontevedra CF
Primeiro adestramento da tempada 26/27 do Pontevedra CFCristina Saiz

En relación ao mercado de fichaxes, o técnico granate explicou que ás nove incorporacións que hai até a data hai que sumar "os catro que faltarán por chegar, tres ou catro, aínda non sabemos a cantidade xusta". Detallou que "tentamos engadirlle, como sempre, versatilidade, polivalencia, calidade e tentar desde iso, desde xente con fame, desde xente que quere crecer na categoría, pois volver conformar un bo equipo"

As primeiras sensacións dos novos xogadores do plantel son boas e sen sorpresas xa que "as calidades de cada un coñeciámolas e isto trátase de que esas calidades que sabemos que son boas, agora construamos entre eles unha familia e logo no campo un equipo".

Sobre os futuros encontros de preparación, Domínguez explicou que "estaremos entre 7 e 8 partidos, non me sei de memoria se van ser 7, 8 ou 9, pero si entre 7 e 8". Xa se coñece data e rival dun deles, pois o Estradense anunciou que se enfrontará ao equipo da Boa Vila o próximo 8 de agosto no Novo Municipal.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora