Non todo foron malas noticias no empate do Pontevedra co Ourense CF. Álex González, que levaba mancado desde o 3 de xaneiro, volveu disputar minutos tras dous meses e medio apartado dos terreos de xogo.
Para o capitán foron "uns meses difíciles" xa que "era unha lesión cun diagnóstico complicado e non sabías cal podía ser a evolución". É por iso que Álex estaba "moi contento" por volver xogar en Pasarón.
A pesar de non lograr a vitoria, o capitán do conxunto granate viu ao equipo "competindo, tentando gañar" e asegura que no partido deste sábado tiveron "ocasións para habernos levado o tres puntos".
É por iso que asegura que o plantel afronta os dez últimos partidos "con ilusión" xa que "nos estamos xogando algo moi bonito".
"Quedan dez partidos que temos que ir a morte a por eles", asegurou Álex González, que foi claro ao explicar que as sensacións foron boas pero "queremos sumar de tres".
Outro tema comentado polo capitán do cadro lerezano foi o estado do céspede de Pasarón: "O campo está nun proceso de recuperación. Está bastante seco, con area e irregular".
Isto penaliza gravemente ao equipo xa que "en certos momentos tes que pensar un pouco máis que facer, non podes xogar ao primeiro toque ou buscar un pase que noutro momento arriscarías".
A pesar diso, Álex trata de non pór escusas ao explicar que "pode condicionar un pouco pero non nos queremos centrar niso".
Tamén destacou que o equipo "ten moita solidez defensiva" xa que "seguir sen encaixar é vital para o equipo e as ocasións van chegar, os goles van chegar", afirmou o capitán do Pontevedra CF.