O plantel do Pontevedra Club de Fútbol quere deixar atrás canto antes o inesperado tropezo contra o Covadonga centrándose na visita do Compostela a Pasarón o vindeiro domingo 3 de decembro (17.00 horas).
"É importante esquecelo rápido pero tamén telo presente. O fútbol dáche a posibilidade de cada domimgo redimirte e queremos volver á senda de vitorias que estabamos a ter na casa", defendeu este mércores en rolda de prensa o capitán granate, Álex González.
En canto ao derbi, primeiro en Pasarón da tempada, "é un partido bonito, especial, hai que preparalo con moito coidado e sobre todo porque despois da derrota queremos volver sumar de tres", asegura o 7 do Pontevedra.
Será, asegura Álex, toda unha proba para o equipo e é que o conxunto santiagués "é un equipo que a súa confección está feita para tentar ascender, xogar o play-off ou mesmo ser campión de liga. Sabemos dabondo o potencial que ten o equipo. Non tiveron un bo inicio de liga pero están a atopar as súas sensacións, veñen nun bo momento de forma", analiza o extremo.
O que ten claro o capitán é a súa confianza no plantel, o mesmo que logrou vitorias folgadas e con bo xogo fai non tantas xornadas. "Manter o mesmo nivel en todos os partidos é imposible, semente hai baches. Os rivais estúdanche, analízanche, pero nós tentamos dar ese nivel", afirma.
Para logralo será importante tamén o respaldo dun público de Pasarón que "leva todo o ano apoiándonos, desde o primeiro partido", e é que de fronte ao derbi contra o Compostela "espero que haxa unha gran entrada, que o público nos apoie, porque se nota moito cando o público conecta connosco".