Álex González, único descartado no Pontevedra para a visita a Mérida

Pontevedra
21 de xaneiro 2026
Actualizado: 18:03

O capitán granate continúa a recuperarse da lesión muscular que sufriu no primeiro partido do ano fronte ao Racing de Ferrol. Miguel Cuesta regresa á convocatoria tras un encontro de sanción

Rubén Domínguez, no partido entre Pontevedra e Zamora
Rubén Domínguez, no partido entre Pontevedra e Zamora / Cristina Saiz

"É unha semana totalmente atípica". Así afronta o Pontevedra Club de Fútbol o seu primeiro partido en venres, o que enfrontará este 23 de xaneiro os granates a domicilio fronte ao AD Mérida (21.15 horas).

"Nesta liga a nivel de campos, a nivel de arbitraxes, a nivel de días de xogo... Hai que adaptarse e competir".

Son palabras do adestrador do equipo, Rubén Domínguez, antes de visitar un conxunto estremeño que é undécimo con 28 puntos (polos 34 do Pontevedra).

O técnico recupera para a cita a Miguel Cuesta no lateral esquerdo, cumprido un encontro de sanción, pero seguirá sen poder contar co seu capitán, Álex González, quen está "totalmente descartado" ao seguir a recuperarse da lesión muscular que se produciu no primeiro partido de 2026 fronte ao Racing de Ferrol.

En canto ao resto "Brais podemos dicir que xa está totalmente recuperado, Alberto Gil totalmente recuperado e a Garay pois o seguiremos coidando, se o temos que utilizar utilizarémolo, pero senón seguirémolo coidando", explicou o adestrador.

Domínguez mostrouse confiado de poder loitar polo tres puntos en Mérida, reafirmando que "sobre todo fóra estamos a ofrecer un rendemento moi alto, creo que son cinco vitorias, dous empates e só tres derrotas, e encaixando moi, moi pouco. O equipo móstrase moi fiable en xeral, pero fóra da casa estamos a sentirnos ben".

En fronte estará un rival ao que "lle gusta ir cara a adiante, que lle gusta presionar, que lle gusta transitar. É un equipo que ten moito talento individual. Aí tedes a Chiqui que é o máximo asistente do grupo, ou ao dianteiro Álvaro, que é o máximo goleador", analizou o preparador granate.

Un bloque, asegura Rubén, "construído para poder optar a postos de play-off" e que buscará ante o Pontevedra engancharse a esa zona de privilexio.