Alexis Viéitez domina a Subida Cidade de Pontevedra tras unha vistosa primeira xornada

Pontevedra
24 de xuño 2016

O piloto de Buxa Motor Poio avantaxa en 21 segundos ao seu inmediato perseguidor tras unha xornada inicial da Subida que congregou a numeroso público en Marcón

XIX Subida Cidade de Pontevedra
XIX Subida Cidade de Pontevedra / Diego Torrado

Os afeccionados ao automobilismo gozaron este venres dunha animada xornada coas tres primeiras mangas de competición da XIX Subida Cidade de Pontevedra.

Ademais do vistoso parque pechado instalado na Praza de España, o público acudiu en gran número ás ramplas de Marcón durante unha intensa tarde para gozar do medio cento de pilotos inscritos.

Entre eles, o máis rápido en durante a xornada inaugural foi Alexis Viéitez (Buxa Motor Poio), que lidera provisionalmente a clasificación xeral con 21 segundos de vantaxe sobre Pablo Rey (T.Martínez Racing) e 30 segundos sobre Jesús Pombo (Congostra Team Sanxenxo).

Durante a primeira das pasadas ao tramo de competición produciuse a imaxe máis comentada da xornada, cando o piloto Santi Abad perdía a roda da súa Audi TT R DTM á entrada dunha curva.

A XIX Subida Cidade de Pontevedra concluirá este sábado coa disputa da cuarta, quinta e sexta manga oficial.

Consulta aquí a clasificación provisional.