Alfonso 'Pisko' Ventín triunfa no Rallymix de Ribadumia

O Salnés
22 de xullo 2024

Os motores ruxiron durante a fin de semana en Ribadumia, escenario da cuarta proba puntuable do Campionato de Galicia de RallyMix

Terceira edición do RallyMix de Ribadumia Federación Galega de Automobilismo

Despois dun ano de parón, os motores volveron ruxir durante a fin de semana en Ribadumia coa celebración da terceira edición do RallyMix Concello de Ribadumia, cuarta proba puntuable para o Campionato de Galicia de rallies mixtos terra/asfalto.

Alfonso 'Pisko' Ventín foi o protagonista da competición ao impoñerse na Clase A e como máis rápido da combinada cun tempo total de 45:39.838. A vantaxe sobre o segundo carcross en competición, o de Cristóbal Serantes (cuarto da xeral), foi ampla, de máis de 2 minutos, mentres que terceiro finalizou Jaime Castro (quinto da xeral).

Segundo da xeral e vencedor da Clase B foi o equipo formado por Francisco Dorado e Andrea Lamas a bordo do seu Volkswagen Polo R5, superando no seu caso con acerto e Jorge Iglesias e o seu Ford Festa N5 en 13 segundos, terceiros na combinada.

Ademais Pisko Ventín impúxose tamén na Copa MRF, e Francisco Dorado e Andrea Lamas foron os mellores participantes da Copa Pirelli 4x4.

Rubén Vázquez e Sandra Amaro impuxéronse pola súa banda na Copa Pirelli DIanteira, Carlos e Matias Maquieira en Copa Escuderías, Iván e Adrián Vázquez levaron o Memorial Epi e Andrea Lamas o Memorial Bárbara G. Oubel.