Anastasia Potapova, primeira rival de Jessica Bouzas en Wimbledon

O Salnés
26 de xuño 2026

Tras a súa recente derrota en oitavos de final do torneo de Eastbourne, a tenista vilagarciá arrincará a súa participación en Wimbledon ante a austríaca de orixe rusa Potapova

Jéssica Bouzas na Billie Jean King Cup en Ostrava Álvaro Díaz - RFET

A actual número 48 do ranking, Jessica Bouzas, xa coñece a súa rival para a primeira rolda de Wimbledon tras o sorteo do cadro principal celebrado nas instalacións do All England Lawn Tennis and Croquet Club de Londres.

Trátase de Anastasia Potapova, tenista austríaca de orixe rusa que ocupa o posto 28 no ranking mundial.

Potapova preséntase como unha dura rival para Bouzas e ambas as tenistas xa se enfrontaron nunha ocasión en 2025 en primeira rolda do Indian Wells. Naquela ocasión o triunfo foi para a austríaca despois de superar á vilagarciá en tres sets (5-7, 6-4 e 7-5).

Con todo, a especialidade da rival de Jessica Bouzas é a terra batida. Con só unha vitoria ás súas costas en herba, a galega terá opcións de dar a sorpresa e superar a primeira rolda do terceiro Grand Slam do ano.

A tenista de nacionalidade austríaca chega cun palmarés de tres títulos WTA 250 aos seus 25 anos, pois gañou en Istambul 2022, Linz 2023 e Cluj Napoca 2025.

En canto a Bouzas, a de Vilagarcía tratará de reporse do seu recente tropezo nos oitavos de final do torneo de Eastbourne para asinar unha boa actuación sobre a herba de Londres.

Esta primeira rolda disputarase o vindeiro luns 29 de xuño e, en caso de gañar, Jessica Bouzas medirase á vencedora do encontro entre Dayana Yastremska e Aoi Ito.

A ucraína Yastremska chega ao torneo no posto 66 do ranking mundial e enfrontarase á 228, a xaponesa Aoi Ito, que entrou ao Grand Slam londiniense a través da fase previa.