Ángel Iglesias, extremo dereito, novo xogador do Octavio que recala na SD Teucro

Pontevedra
05 de xullo 2016

A SD Teucro atopou un filón no Academia Octavio. Tras o descenso dos vigueses a Primeira Nacional, os azuis fixéronse con algúns dos seus principais xogadores. E a súa última fichaxe, tamén provén de Vigo. Trátase do extremo dereito galego Ángel Iglesias co que, salvo sorpresas, os teucristas pechan o seu persoal para a próxima tempada

Ángel Iglesias (co número 76) nun partido do Octavio contra o Cisne
Ángel Iglesias (co número 76) nun partido do Octavio contra o Cisne / Diego Torrado

A SD Teucro atopou un filón no Academia Octavio. Tras o descenso dos vigueses a Primeira Nacional, os azuis fixéronse con algúns dos seus principais xogadores. E a súa última fichaxe, tamén provén de Vigo. Trátase do extremo dereito galego Ángel Iglesias co que, salvo sorpresas, os teucristas pechan o seu persoal para a próxima tempada.

O xogador coruñés, que xogou na liga Asobal da man do Frigoríficos do Morrazo durante as tempadas 2013/2014 e 2014/2015, chega a Pontevedra tras asinar un contrato por dúas tempadas.

O extremo de 22 anos, que compartirá posto con Edu Moledo, foi internacional júnior coa selección española, coa que conseguiu a clasificación para o Mundial 2015.

"Ángel é outro xogador novo, galego e con moito por demostrar que se une ao noso proxecto. Tiña que chegar ao Teucro hai xusto un ano, pero entón non puido ser. Por iso agora estou moi satisfeito coa súa incorporación", sinalou o técnico da SD Teucro, Quique Domínguez.

Xunto con Edu Moledo, explica o técnico, "forman un extremo dereito de moitas garantías para a División de Honra Prata".