O Teucro solicita empezar a liga fóra da casa polas obras do Pavillón Municipal

Pontevedra
23 de xullo 2016

O club pontevedrés pretende xogar a domicilio o seu primeiro partido de liga, o 10 de setembro, por se se producen atrasos na renovación da cuberta do Municipal, obra que mantén pechada a instalación no verán. Teucro e Cisne pediron ademais non coincidir como locais na mesma xornada do campionato

Partido entre Teucro e Granollers
Partido entre Teucro e Granollers /

As obras de renovación da cuberta no Pavillón Municipal dos Deportes manteñen preocupados aos responsables da Sociedad Deportiva Teucro, polo axustado dos seus prazos de execución con respecto ao comezo oficial do campionato na División de Honra Prata.

Por ese motivo o club pontevedrés dirixiuse por escrito á Real Federación Española de Balonmán solicitando xogar a primeira xornada de liga, o 10 de setembro, a domicilio e gañar así unha semana de marxe que aseguraría a apertura da instalación.

Segundo as previsións que manexa a empresa responsable das obras, a última semana de agosto terminaríase coa colocación da nova cuberta para proceder, durante os primeiros días de setembro, a unha limpeza da instalación e á colocación da nova iluminación.

Ademais, tanto o club azul como o seu veciño e rival na cidade, o Cisne, pediron ao órgano federativo e de común acordo non coincidir na mesma xornada como locais, para tentar conseguir a maior afluencia de público aos partidos de ambos os equipos.

Nun principio a Federación mostrouse receptiva a este proposta pero ata o sorteo oficial do calendario, previsto para os próximos días, non se saberá con seguridade se a acepta.

No que si influirá as obras no Pavillón Municipal dos Deportes é na pretemporada teucrista, que se iniciará o luns 1 de agosto e se desenvolverá entre os pavillóns do colexio San Narciso, en Marín, e de Príncipe Felipe.