Ángel Rodríguez pide "afrontar o partido como uno máis" ante o Arosa

Pontevedra
13 de abril 2022

O técnico do Pontevedra escapa da presión que pode supoñer o liderado e das expectativas que levanta o derbi en Vilagarcía e pon en alerta aos seus para evitar algún tipo de relaxación: "Todos sabemos o que significa cambiar de adestrador"

Ángel Rodríguez nun adestramento do Pontevedra en Xeve
Ángel Rodríguez nun adestramento do Pontevedra en Xeve / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol regresou este mércores ao traballo tras dous días de descanso "que nos viñeron fenomenal", recoñeceu en rolda de prensa o adestrador granate, Ángel Rodríguez.

O técnico quere evitar que apareza algún tipo de relaxación no seu plantel, e por iso quere escapar da presión do liderado ou do ambiente que rodea ao derbi fronte ao Arosa. "Por fin estamos líderes, a nosa intención é manternos aí o que queda de tempada pero o que temos é que afrontar o partido como uno máis", defende o preparador.

Para esa cita, tras unha semana de descanso por sanción, Rodríguez espera poder recuperar a Diego Seoane, co que "imos ser optimistas de que poida chegar á fin de semana".

En cando ao cambio no banco arosista, recentemente presentado Luisito no cargo, o inquilino do banco de Pasarón defendeu que "todos sabemos o que significa cambiar de adestrador", esperando atopar o domingo na Lomba a un rival "con carácter, que vai disputar os 90 minutos cunha intensidade alta".

Para combatelo Ángel Rodríguez cre que o importante é "xogar da mesma maneira, mantendo a intensidade, sendo un equipo fiable, que tenta atacar ben", centrándose no seu propio traballo.

Determinante pode resultar tamén o desprazamento masivo de seguidores pontevedreses ata Vilagarcía, unha afección que "esperemos que sexa o noso xogador número 12 como foi nas últimas ocasións", sinalou na súa comparecencia o adestrador do Pontevedra.