Empate insuficiente para Arosa e Pontevedra nun derbi de alta voltaxe (1-1)

Pontevedra
17 de abril 2022

A repartición de puntos fai ao Pontevedra perder o liderado ligueiro e tampouco permite ao Arosa escapar dos postos de descenso. Cotilla no primeiro tempo adiantou aos de Vilagarcía e Rufo puxo as táboas xa no tramo final

Partido de liga entre Arosa e Pontevedra na Lomba
Partido de liga entre Arosa e Pontevedra na Lomba / Cristina Saiz

Unha semana duroulle o liderado ao Pontevedra Club de Fútbol, que cedeu este domingo o primeiro posto ao non poder pasar do empate na Lomba fronte a un combativo Arosa nun derbi de alta intensidade. Un empate que de pouco vale aos dous equipos, xa que tampouco permite ao conxunto arlequinado escapar dos postos de descenso.

Era o primeiro partido de Luisito no banco arosista e puxo en xogo un plantexamento de saída no que poboou o centro do campo para dificultar a saída de balón visitante, co músculo de Pedro Beda na punta de ataque. Pola contra Ángel Rodríguez poñía toda a carne no asador ao saír de inicio cos seus dous dianteiros, Charles e Rufo, despois de moitas xornadas sen facelo.

Como bo derbi a intensidade era grande desde o inicio no verde e na bancada, ante a nutrida presenza de seguidores dos de Pasarón, sendo o Pontevedra que o levaba a iniciativa pero cun Arosa ben posicionado que apenas deixaba espazos.

Non foi ata o minuto 8 cando chegou o primeiro achegamento, sen finalización clara, nunha falta lateral sacada por Yelko que Churre tocaba de cabeza no primeiro pau atopando seguro a Álex Cobo para despexar.

A pelexa centrábase na medular e os minutos ían pasando sen excesivo perigo en ambas as dúas porterías, máis aló dun centro de Santi Figueroa rematado por Brais alto, mentres que o Arosa respondía no minuto 22 cun balón longo cara a Pedro Beda que o ariete controlaba co peito antes de disparar potente, aínda que sen apenas ángulo, para forzar un saque de esquina.

Ao fío da media hora empezaba a atopar aos poucos algo de espazo o equipo da Boa Vila. Homes como Yelko, Brais ou Rubio empezaban a conectar entre liñas facendo retroceder á zaga vilagarciá ata un bloque defensivo baixo. A sensación de perigo visitante era cada vez maior, aínda que sen atopar portería tanto Álex González nun disparo desde a frontal como Charles nun remate forzado.

Sen ser brillantes eran os mellores minutos do Pontevedra e con todo o que chegou foi o 1-0 do Arosa. Brais cometía aos 35 minutos unha evitable falta sobre Luismi no pico da área que Cotilla, cun potente disparo coa zurda ao pau que cubría o gardameta, convertía en gol sorprendendo a un Cacharrón que chegou a tocar o coiro sen lograr evitar que se coase no fondo da portería.

Premio á intensidade arlequinada ante un Pontevedra ao que, unha vez máis, tocáballe remontar se non quería ver como escapáballe das mans o recentemente estreado liderado.

Co empuxe do gol o equipo local chegou unha vez máis con perigo antes do descanso nunha contra de Cotilla polo perfil zurdo que Diego Diz remataba ás mans do porteiro. Tamén os de Ángel Rodríguez roldaron a igualada nun envío de Yelko á caída en banda de Rufo cun posterior centro raso ao que chegou Santi Figueroa en posición inmellorable pero que taponou a perna dun defensor.

O guión mantívose tras o paso por vestiarios. Luisito non cambiou o que lle funcionaba e os granates, vestidos co seu segundo equipamento, insistían no seu acoso sen acerto na finalización.

Non foi de feito ata o minuto 60 de xogo cando chegou o primeiro disparo entre os tres paus con perigo dos visitantes, ao aproveitar Rufo unha deixada de Charles para rematar á media volta desde a frontal atopando unha gran estirada de Álex Cobo.

Ángel Rodríguez movía o banco para ir con todo a pola remontada, e as ocasións empezaron a chegar, primeiro nun centro do recentemente ingresado no campo Oier Calvillo que cae a Charles na área pero cuxo disparo tocou nas costas dun defensor cando ía para dentro. Nese saque de esquina foi Javi Rey o que, en posición inmellorable e sen oposición, remataba de cabeza alto, e pouco despois Brais gozaba doutra opción moi clara que enviaba alta.

O Arosa defendíase con garra esperando a súa opción á contra a medida que o Pontevedra envorcábase máis e máis en ataque, e esa opción chegou no minuto 76. Luís Nuño aguanta o fóra de xogo na liña de medio campo para encarar só a Cacharrón, gañando o envite o porteiro para manter ao seu equipo no partido.

Foi xusto antes de que o colexiado reclamase tamén o seu protagonismo. Era o mesmo árbitro que dera por válido o gol de Charles na ida en Pasarón en claro fóra de xogo, e na Lomba a polémica chegou pola expulsión do pontevedrés Alberto Rubio por unha dobre caída dentro da área. Non pareceu penalti a primeira delas, pero na segunda o contacto foi claro, máis aló de se foi ou non suficiente para sinalar a pena máxima. O castigo da expulsión semellou excesivo.

En inferioridade numérica a empresa parecía que se volvía imposible para o Pontevedra, aínda que cousas do fútbol na seguinte acción chegaría a igualada. Era o minuto 79 de partido cando Yelko habilitaba a Álex González na súa subida polo costado zurdo, o capitán centraba raso con potencia e Charles metía a punteira no primeiro pau. O seu remate íase á madeira pero Rufo, moi atento, chegou sobre a liña de gol para remachar e poñer o 1-1.

Quedaban 10 minutos e todo podía pasar. De feito puido decantarse o derbi para calquera das dúas partes, aínda que a opción máis clara foi de Charles ao fío do 90 tras pase ao espazo de Romay, cruzando demasiado o dianteiro brasileiro.

Ao final repartición de puntos que non contenta a ninguén e que deixa por unha banda ao Arosa con 35 puntos a 2 da salvación e ao Pontevedra faille caer á segunda praza, a 1 punto do Unión Adarve a catro xornadas do final da liga.

AROSA SC (1): Álex Cobo, Javi Fontán, Campillo, Ross, Cotilla, Alberto Martín, Pedro García, Diego Diz (Fajardo, min.86), Julio Rey (Pablo Porrúa, min.70), Luismi, Pedro Beda (Luis Nuño, min.59).

PONTEVEDRA CF (1): Cacharrón, Santi Figueroa (Oier Calvillo, min.62), David Soto, Churre, Álex González, Miguel Román (Javi Rey, min.62), Yelko Pino, Rubio, Brais Abelenda, Rufo (Romay, min.84), Charles. 

Árbitro: Alexandre López Vila, auxiliado por Vázquez Penas y Oreiro Hermida (Galicia). Amonestó a Javi Fontán y Ross en el Arosa y a David Soto en el Pontevedra. Expulsó a Rubio por doble amarilla (min.77).

Goles: 1-0 Cotilla (min.35); 1-1 Rufo (min.79).

Incidencias: Partido da xornada 30 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal da Lomba ante ao redor de 2.000 espectadores, con una grande presenza de afeccionados visitantes.