Foi unha das sorpresas da convocatoria do Pontevedra Club Fútbol para o duelo fronte ao Arosa. Álvaro Cortés caeu da lista a última hora por problemas físicos, unhas molestias que este luns aclarou o club granate.
O porteiro "sofre un problema muscular no abdutor sen roturas evidenciables nin hematomas", confirmou a entidade de Pasarón.
Debido a iso Cortés someterase o vindeiro mércores, tras a habitual xornada de descanso dos martes, a unha nova valoración para determinar se se incorpora ao traballo de grupo.
A ausencia do madrileño na Lomba foi cuberta polo gardameta do filial Iván Comesaña.
Co caso de Álvaro Cortés a enfermería granate engade un efectivo ao sumarse a unha lista que engrosaba Diego Seoane, cuxa presencia na próxima xornada ligueira mantense no aire tras perder as últimas xornadas por culpa dunha leve lesión muscular.