Ángel Rodríguez ten claro o substituto de Rubio fronte ao Langreo: "Agora o que fai falta é que ese xogador se reivindique"

Pontevedra
22 de abril 2022

O técnico do Pontevedra confía ademais en recuperar para a cita do domingo en Pasarón (17.00 horas) ao lateral Diego Seoane e tamén ao gardameta Álvaro Cortés, recoñecendo que "van mellorando. Imos ver se poden chegar ao fin de semana, que espero que si, que estean ben para entrar na lista"

Adestramento do Pontevedra en Xeve
Adestramento do Pontevedra en Xeve / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol prepárase para a primeira das catro finais que lle restan ata final de tempada para recuperar o liderado e facerse co posto de ascenso directo, recibindo este domingo 24 de abril no Estadio Municipal de Pasarón á UP Langreo (17.00 horas).

Os granates afrontan a cita con varias incógnitas no que respecta ao once, coa ausencia por sanción dun home que foi fixo nas aliñacións como Alberto Rubio, o posible regreso de Diego Seoane tras a súa lesión e que pasará coa dupla de ataque formada por Charles e Rufo e se se manterá na formación titular.

No que respecta a a primeira cuestión, con Oier Calvillo e Romay como principais aspirantes ao posto, "teño claro como vou xogar e ao futbolista que vou poñer. Agora o que fai falta é que ese xogador se reivindique, demostre que está preparado que o está, estamo demostrando semana tras semana, e esperemos que faga un bo partido", recoñeceu este venres Ángel Rodríguez.

O técnico revelou ademais que tanto Seoane como Álvaro Cortés, ausente da convocatoria en Vilagarcía por problemas musculares, "van mellorando. Imos ver se poden chegar á fin de semana, que espero que si, que estean ben para entrar na lista". De feito no que respecta ao lateral "día a día habemos visto que foi mellorando e faime ser optimista de que poida estar a fin de semana", avanza.

Por último, sen desvelar os seus plans para a dianteira "eu teño moi claro o que vou facer, como vou xogar. Teño moi claro que se o facemos ben estaremos moi preto da vitoria porque somos un equipo que en ataque funciona moi ben, fai moitas ocasións, co cal poña a quen poña entendo que debe saír ben", defendeu o técnico.

"Non se pode fallar desde hai moito tempo. Igual o punto de Arosa é un bo punto, veremos o que pasa de aquí ao final de tempada, pero temos que sumar de tres", analizou Rodríguez sobre unha situación de presión que "creo que manexamos ben" ao longo da tempada, e á que tamén debe enfrontarse un Langreo que chega metido de cheo na loita pola permanencia, a un punto de feito dos postos de descenso.

O que será importante unha semana máis, segundo o adestrador, será o apoio dunha afección que "lle deu unha volta a todo, está a arrimar o ombreiro, está á beira do equipo e está a ser fundamental para nós".

O colexiado do encontro será Aleksandar Ivaylov Angelov Borisov, árbitro de orixe búlgara pertencente ao comité territorial balear.