O Pontevedra recupera o liderado cun triunfo merecido e sufrido fronte ao Langreo (3-2)

Pontevedra
24 de abril 2022

Os granates aproveitaron a derrota do Unión  Adarve contra o Bergantiños para recuperar a primeira praza do grupo tras un partido no que se adiantaron con tres tantos e que se complicou nos minutos finais cando o cadro asturiano  anotou o seu segundo tanto

Miguel Román no momento do disparo que significou o seu primeiro gol co Pontevedra fronte ao Langreo en Pasarón
Miguel Román no momento do disparo que significou o seu primeiro gol co Pontevedra fronte ao Langreo en Pasarón / Cristina Saiz
Rolda de prensa de Roberto Robles, adestrador do Langreo /

O Pontevedra recupera o liderado. Os granates aproveitaron o tropezo en Carballo do Unión Adarve para asaltar de novo a praza de ascenso directo á 1ª RFEF. Debeu ser máis sinxelo do que finalmente resultou. Porque na primeira parte os granates arroiaron ao Langreo, pero na segunda non foron capaces de sentnciar e un tanto dos visitantes a falta de dez minutos para o final fixo a máis dun temer polos tres puntos.

Cacharrón foi un dos artífices da vitoria ao deter un penalti nada máis comezar o partido, daquela un renacido Oier Calvillo puxo aos granates por diante para desatar un vendaval ofensivo que redondearon Miguel Román, cun soberbio dereitazo desde o pico da área, e Rufo para seguir ampliando a súa conta anotadora.

No debe dos granates continúa a súa fraxilidade defensiva, os de Ángel Rodríguez encaixaron dous tantos fronte a un equipo que apenas pisou a área rival. Aínda así, os locais demostraron que aprenderon a sufrir e co asubío final Pasarón respirou aliviado e, inchada e xogadores, volveron fundirse nun abrazo que, cada vez máis, cheira a ascenso.

Puido tomar o partido un rumbo completamente distinto nos primeiros minutos do partido. Na primeira das numerosas veces que Pana gañou as costas á defensa granate, Soto acabou derrubándoo dentro da área cando o ariete visitante quedaba só diante de Cacharrón. O árbitro non dubidou, sinalou penalti e amoestou ao central granate, que se perderá o seguinte partido por acumulación de amarelas.

Con todo, o porteiro do Pontevedra saíu ao rescate para deter cunha vistosa estirada o potente disparo raso de Pana.

Os de Ángel Rodríguez evitaron o KO, pero quedaron groguis durante un tempo e o Langreo apropiouse da posesión. Pero cando estaban contra as cordas, os granates conectaron un gancho que tombou aos visitantes. Álex González avanzou pola banda esquerda, tirou un caño ao lateral e puxo en preciso centro ao segundo pau, onde apareceu Oier Calvillo para cabecear picado, adiantar aos seus e reconciliarse coa súa mellor versión.

O Pontevedra era xa dominador do xogo e o resultado, pero non se libra a inchada local dos sustos en defensa. Pana volveu gañar outra vez as costas a Churre esta vez, puxo un centro ao segundo pau e cando Iglesias ía empuxar o balón á rede apareceu Seoane para cortar a córner.

Necesitaban os granates un segundo tanto para gañar tranquilidade e puido facelo Brais aos vinte minutos, pero o seu remate de cabeza a centro de Rufo saíu alto. 

Máis acertado estivo Miguel Román na xogada posterior. Rufo fíxose co balón tras un centro pasado de Álex González, aguantou o esférico e viu como chegaba o mediocentro á frontal da área, pasoulla e o de Gondomar controlou e armou un potente disparo que se coou pola escuadra dereita da meta de Adrián Torre. Brillante estrea goleadora do prometedor centromcapista coa camiseta granate.

Cunha cómoda vantaxe no marcador o Pontevedra ofreceu a súa mellor versión. Oier Calvillo e Álex González era unha dor de moas constante para os laterais visitantes, Yelko era o director de orquestra e Rufo e Brais agardaban famentos a rematar os numerosos balóns que chegaban á área. Foi así como Rufo fixo o terceiro da tarde.

Tras unha longa xogada granate, Araújo fixo unha parede co ariete madrileño para disparar co exterior. Torre sacou unha man para evitar o tanto do lateral, pero o rexeite cazouno Brais que, nun alarde de xenerosidade, deixoulle o gol en bandexa a Rufo.

Parecía que estaba xa sentenciado o partido e que os de Ángel Rodríguez ían dar un festín goleador. Pero a fiabilidade defensiva dos granates segue sendo unha tarefa pendente.

Ao fío do descanso, o exgranate Jandrín recibiu un balón na liña de fondo e esta vez Iglesias si que chegou antes que a defensa ao segundo pau para empuxar o balón á rede e recortar distancias.

O Pontevedra non acusou o golpe en exceso. De feito antes de irse aos vestiarios Rufo sumou un novo tanto, pero estaba en posición de fóra de xogo e o tanto non subiu ao marcador.

Tras a continuación, o guion do partido pouco variou. O Pontevedra seguiu dominando e acumulando chegadas á área, mentres que o Langreo apostaba todo a balóns longos ás costas da defensa.

Os granates buscaron sentencia pero faltoulles acerto. Álex González foi a principal arma ofensiva, no 56 un centro seu desde a liña de fondo non o rematou Rufo porque se lle adiantou un central para despexar a córner e menos de dez minutos despois, o capitán volveu servir outro pase da morta ao que si chego Oier pero cruzou o remate demasiado e foise fóra.

Pola outra banda tamén xerou perigo o Pontevedra. Oier Calvillo, tamén desde liña de fondo, puxo outro centro ao corazón da área onde apareceu Brais libre de marca, pero a súa volea saíu inexplicablemente fóra. 

E tamén desde fóra da área tentárono os granates, cun disparo colocado de Calvillo que buscaba a escuadra da portería de Torre, que protagonizou unha espectacular estirada para evitar o tanto.

O que perdoa, paga. Dise no fútbol. E así ocorreu, na única chegada á área dos visitantes na segunda parte, o exgranate Jorge puxo un centro ao área pequena e Dorian meteu a cabeza para meter tamén o medo no corpo á parroquia local.

Quedaban dez minutos de partido e o Pontevedra, por momentos, era un feixe de nervios. Con todo, os locais foron capaces de conter a presión e sen pasar grandes apuros amarraron unha vitoria que debería ser máis plácida, pero que serve para volver situar aos granates no máis alto da táboa despois da derrota do Unión Adarve contra o Bergantiños. 

PONTEVEDRA CF (3): Cacharrón, Seoane, David Soto, Churre, Samu Araújo, Miguel Román (Javi Rey, min 78), Yelko Pino, Oier Calvillo (Martín Diz, min 78), Álex González, Brais Abelenda (Romay, min 71), Rufo (Charles, min 71) 

UP LANGREO (2): Adrián Torre; Lobato, Cristian, Alain, Ebea; Peli (Juan López, min 56), Samba, Junior (Jorge hernández, min 68); Jandro (Dorian, min 68), Pana, David Iglesias (Angelito, min 83)

Árbitro: Angelov Borisov, Aleksandar, auxiliado en las bandas por Díaz Soto y Verdera Escandell (Baleares), amonestó a Soto por parte del Pontevedra

Goles: 1-0, min 10, Oier Calvillo; 2-0 min 23, Miguel Román; 3-0 min 31, Rufo; 3-1, min 37, David Iglesias; 3-2, min 80, Dorian

Incidencias: Partido da xornada 31 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante uns 2.000 espectadores.