Charles saca dun problema o Pontevedra no 87 na casa do descendido Ceares (1-3)

Pontevedra
30 de abril 2022

Os granates rozaron o desfalecemento en casa do pechacancelas, pero terminaron levándose os tres puntos de Xixón para chegar ás dúas ultimas xornadas como líder con dous puntos de vantaxe sobre o Unión Adarve. O vindeiro domingo 8 de maio en Pasarón, primeiro 'match ball' polo ascenso

Partido entre Navalcarnero e Pontevedra no Estadio Mariano González
Partido entre Navalcarnero e Pontevedra no Estadio Mariano González / Mosrey Fotografía

Sufrindo, como afai nas últimas xornadas, pero o Pontevedra Club de Fútbol está un paso máis preto do ascenso a Primeira RFEF tras vencer este sábado en Xixón na casa do pechacancelas e xa descendido UC Ceares. Os granates rozaron o desfalecemento en Asturias, pero levaron finalmente tres valiosos puntos que lle permiten manterse como líderes con dous puntos de distancia sobre o Unión Adarve a falta de dúas xornadas, polo que afrontarán xa o seu primeiro 'match ball' polo salto de categoría o vindeiro domingo 8 de maio en Pasarón fronte ao Salamanca.

Con dúas ausencias chegaban á cita os pontevedreses. A sanción de David Soto era cuberta no centro da zaga por Samu Santos, mentres que o técnico Ángel Rodríguez apostaba por dar continuidade a Oier Calvillo tras o seu gran partido contra o Langreo aínda que atrasándoo á posición de lateral pola baixa de Seoane, e foi precisamente Oier o que puxo de cara o choque en apenas uns segundos de xogo.

Sacou de centro o Pontevedra e na súa primeira posesión conseguiu anotar. O coiro, tras varios pases, levaba a Calvillo no costado destro, o 11 tiraba un caño a un rival e poñía un centro preciso ao segundo pau á entrada de Álex González, conectando o capitán un cabezazo ante o que nada puido facer o gardameta local, Kike. Só transcorreran 14 segundos de partido.

O máis difícil estaba feito, e co marcador a favor os da Boa Vila, sen querer caer nunha excesiva relaxación, apostaron por tirar de tranquilidade tentando evitar erros para esperar unha oportunidade de sentenciar.

O terreo de xogo do Campo La Cruz, no que o Ceares sumou a maior parte dos seus puntos ao longo da tempada, non permitía excesivo virtuosismo nin un control claro do coiro, pero sen ser plenamente dominadores e a pesar de abusar en ocasións dos envíos en longo, polo menos os de ÁNgel Rodríguez non sufrían en defensa.

Tampouco chegaban achegamentos claros. Probouno Rubio cun disparo afastado que  depejó de puños o porteiro do  Ceares, e pasada a media hora nunha rápida transición Álex González profundou pola esquerda servindo raso para o propio Rubio, que no punto de penalti e en boa posición disparaba ás nubes.

Antes do descanso, nunha falta lateral lanzada por Yelko desde a dereita, ameazou tamén de cabeza Rufo, saíndo demasiado centradoo seu testarazo atrapando o porteiro.

Non era unha gran bagaxe ofensiva fronte ao pechacancelas, pero o importante, os tres puntos, estaban de momento no peto. Claro que todo seguía no aire para un segundo tempo no que o xogo brillou pola súa ausencia. O Pontevedra, máis preocupado en non verse exposto que en tratar de sentenciar, apenas se asomaba pola área contraria, convertíndose por momentos o encontro nunha especie de frontón, con especial loita na zona medular.

Tentouno Yelko Pino desde a distancia sen fortuna, e os minutos seguían caendo sen que se pechase o choque. Demasiada concesión a unha acción desafortunada ou accidente, como finalmente ocorreu no minuto 72. O Ceares sacou unha falta desde a liña divisoria colgando o coiro á área, e tras varios rebotes, pedíndose incluso unha man do local David Blanco, o balón caeu manso ante un Óscar Fernández que batía a Cacharrón no primeiro disparo entre os tres paus do seu equipo.

Foi un xerro de auga fría do que lle custou uns minutos recuperarse ao Pontevedra, pero finalmente fíxoo para apertar nos instantes finais, máis a base de corazón e garra que de claridade nas súas ideas. Bastoulle, porque Charles, que levaba poucos minutos no terreo de xogo, fixo boa unha deixada de Samu de cabeza tras centro d  Oier Calvillo para enganchar un potente disparo coa súa perna dereita e marcar o 1-2. Era o minuto 87 e os granates saían do problema no que se meteran. A rabia na celebración foi tal que o propio Charles, ao acudir a festexalo cos afeccionados pontevedreses, vía unha quinta amarela que lle carrexa sanción.

Xa no 90, Álex González en xogada persoal terminaría sentenciando para facer respirar de alivio aos numerosos afeccionados galegos presentes. Non era para menos. O Pontevedra mantén os seus dous puntos de vantaxe e será equipo de Primeira RFEF a próxima semana se vence ao Salamanca e non gaña o Adarve en Luanco, ou se suman un punto sempre que os madrileños perdan o seu partido. Se iso non sucede, dependendo de si mesmos, quedaría a bala da última xornada en Palencia.

UC CEARES (1): Kike, Héctor Zuazua, David Blanco, Sergio Orviz, Llerandi, Juan Carlos, Óscar Fernández (Juan Cueto, min.86), Prosi (Mario Buelga, min.93), Miguel Cuesta (Varo, min.46), Edu García, Noé Fernández (Medori, min.66).

PONTEVEDRA CF (3): Cacharrón, Oier Calvillo, Samu Santos, Churre, Samu Araújo, Miguel Román (Javi Rey, min.79), Yelko Pino, Alberto Rubio (Martín Diz, min.79), Álex González, Brais Abelenda (Romay, min.68), Rufo (Charles, min.68).

Árbitro: Alberto Sánchez Ingidua, auxiliado por Jiménez Rivero e Pablo Gómez (Castela-León). Amoestou a Noé Fernández, Edu García e Llerandi no Ceares e a Samu Araújo e a Charles no Pontevedra.

Goles: 0-1 Álex González (min.1); 1-1 Óscar Fernández (min.72); 1-2 Charles (min.87); 1-3 Álex González (min.90).

Incidencias: Partido da xornada 32 de liga no Grupo I de la Segunda RFEF disputado no Campo La Cruz de Xixón.