O Pontevedra Club de Fútbol presentou unha ambiciosa campaña para o seu último partido na casa da tempada, o que lle enfrontará ao Salamanca CF UDS (domingo 8 de maio, 12.00 horas) e no que pode certificar o ascenso de categoría. O obxectivo, que o Estadio Municipal de Pasarón rexistre unha gran entrada para apoiar o equipo no momento decisivo da tempada.
Co lema "O último baile" a entidade granate presentou unhas promocións que inclúen prezos populares nas entradas do público xeral e tamén a posibilidade de retirar unha invitación por socio.
Ademais, todos os deportistas federados da provincia menores de 19 anos terán acceso de balde á bancada de Preferencia.
No que respecta ao prezo dos billetes, fixouse en 10 euros na bancada de Tribuna e en 5 euros no resto de bancadas, coa excepción dos menores de 12 anos que terán acceso libre.
Os socios granates poderán retirar a súa invitación nas oficinas de Pasarón ata o vindeiro venres (9.00 a 14.00 e 16.00 a 19.00 horas) ou reservala para recoller en despacho de billetes enviando un correo electrónico a [email protected].
As entradas pola súa banda poderán adquirirse anticipadamente nas oficinas do club, tamén mércores, xoves e venres no Café Savoy de 11.30 a 21.00 horas e en despacho de billetes o sábado de 11.00 a 14.00 horas e o propio domingo, día do partido, desde as 10.30 horas.