Non hai nada como recibir o apoio da túa afección e máis cando, en poucas horas, terás que afrontar un partido vital que decidirá o obxectivo polo que estiveches pelexando durante tantos meses: o ascenso a Primeira RFEF.
Por ese motivo, dentro dunha semana chea de promocións e de chamada aos pontevedreses para acudir ao encontro deste domingo 8 de maio entre o Pontevedra Club de Fútbol e o Salamanca no Estadio Municipal de Pasarón (12:00 horas), o club granate decidiu abrir as portas da bancada de Fondo Norte para que todo o que quixese presenciase o adestramento e arroupase aos xogadores cara á importante cita que terán que afrontar en poucas horas.
Así, entre cánticos e aplausos de máis de cen persoas, os pupilos de Ángel Rodríguez saltaron ao verde e adestraron de forma relaxada e entre risas pero coa cabeza posta no seu rival deste domingo, que chegará a Pasarón coa necesidade de puntuar para salvar a categoría.
Con todo, o técnico granate, tal e como asegurou na previa do partido, espera e confía que a afección "sexa ese número 12" e xogue ese "papel importante" que leva demostrando en todos e cada un dos encontros disputados no templo granate e leve ao equipo ao esperado ascenso.