A afección do Pontevedra Club de Fútbol "vai xogar un papel importante" no partido que o cadro granate disputará o vindeiro domingo 8 de maio en horario unificado (12.00 horas) en Pasarón fronte ao Salamanca CF UDS, e no que ten opcións de certificar o seu ascenso de categoría.
Así o asegurou este venres Ángel Rodríguez na súa habitual comparecencia previa á xornada.
O adestrador granate asegura que "me gustaría que Pasarón estivese cheo e que a afección sexa ese xogador número 12, que logo cando vaia pola rúa saudando á xente a cada un que me conteste notalo afónico porque deixou a alma".
O seu apoio pode ser un aspecto decisivo nun duelo "complicado, moi duro, un partido de moita tensión", e é que o Salamanca chegará a Pasarón xogándose a permanencia. "Non se que plantexamento terán, é certo que vén nunha situación moi complicada. É un equipo con bos xogadores, que está a facer unha segunda volta bastante boa e seguramente nos vai a poñer as cousas difíciles", defende Rodríguez.
Por ese motivo será importante, analiza, "estar concentrados, non conceder e ser o equipo que gran parte da tempada fomos", todo eles sen mirar ao que faga o Unión Adarve porque "é mellor non facer contas, o que hai que facer é xogar un partido, facer as cousas ben e tentar gañalo".
Esas contas polo ascenso, independentemente do que faga o Adarve, pasan para os granates por conseguir 4 dos 6 puntos que faltan por disputar, aínda que sabendo que un tropezo dos madrileños no campo do Marino de Luanco abriría a porta para festexar na casa o ansiado salto de categoría.
O colexiado do encontro será o asturiano Leandro Carbajales Gómez.