Siareirxs Granates empapela a cidade cunha mensaxe: "Este domingo enchamos Pasarón"

Pontevedra
04 de maio 2022
Actualizado: 11:41

O principal grupo de animación do Pontevedra CF pega carteis pola cidade para convidar á afección para acudir o domingo para ver o partido do equipo granate, que pode ascender a Primeira RFEF se derrota ao Salamanca

Siareirxs Granates pega carteis para animar á afección a ir o domingo a Pasarón
Siareirxs Granates pega carteis para animar á afección a ir o domingo a Pasarón / Mónica Patxot

En Pontevedra xa se respira o ambiente das grandes citas. O equipo de fútbol da cidade ten a oportunidade este domingo de conseguir o ascenso a Primeira RFEF derrotando ao Salamanca. A afección sábeo e o sentimento granate está en ebulición desde hai semanas. O obxectivo é claro: encher Pasarón. E a mensaxe está por todas partes.

Siareirxs Granates, o principal grupo de animación do Pontevedra, iniciou esta semana unha campaña de pega de carteis para animar a toda a cidadanía a acudir o domingo ao estadio.

Non é a primeira acción para arengar ás masas que realiza esta agrupación de afeccionados. Co falecemento de Cholo deseñaron un tifo en recordo do eterno capitán do Pontevedra, nos últimos desprazamentos mobilizaron a decenas de seareiros para viaxar co equipo e, semana tras semana, son os encargados de dar calor e cor ao templo do Lérez.

Conscientes de que o domingo máis que nunca a afección será o xogador número 12, os integrantes de Siareirxs Granates tomaron as rúas para recrutar a todos os granates. En Michelena, na Praza de España, na Avenida de Uruguai ou no parque infantil de Valentín García Escudeiro pegaron dous deseños de carteis con mensaxes moi claras.

"Xogándonos o que nos xogamos hai que tentar mobilizar a toda a xente posible para encher o campo. Hai moito tempo que o clube ten abandonado o eido social así que nas últimas semanas tentamos botarnos ese traballo ás costas a base de cartelería propia, previas, viaxes e demais. No caso este dos carteis, simplemente porque hai un par de anos que se perdeu o costume de sacar cartelería en físico e nós somos uns románticos deste tipo de cousas analóxicas", declaran representantes de Siareirxs Granates.

"Polo escudo, pola cidade, este domingo enchamos Pasarón", é a lenda dun cartel no que locen o escudo da cidade e do club co nome de Pontevedra en letras grandes. " Voltaremos! Apoia ao equipo dá túa cidade" é o outro deseño con imaxes de xestas históricas do club de fondo.

Non será a única iniciativa de cara a este transcendental partido. "Hai máis cousas pensadas tanto dentro como fóra do estadio, pero lóxicamente non queremos perder a exclusiva, que a xente ande atenta ás rúas e ás redes que irá habendo novidades antes do domingo", avisan.

A afección está a mobilizarse, o club oferta entradas a prezos reducidos. Agora é o momento de que a cidade responda e faga que Pasarón rexistra unha entrada como a das grandes citas.