É o pichichi da categoría con 19 goles e, como non pode ser doutra forma, un dos homes máis importantes do Pontevedra. Por iso o club granate non se resigna a perder a Charles para a primeira das dúas finais polo ascenso que ten por diante nas últimas xornadas de liga, a que lle medirá o vindeiro domingo 8 de maio (12.00 horas) ao Salamanca.
O dianteiro brasileiro viu a súa quinta tarxeta amarela da tempada, que carrexa a pertinente sanción por acumulación, no momento de festexar o seu decisivo gol no minuto 87 de partido ante o Ceares, desfacendo a igualada e empuxando ao equipo cara a un triunfo vital para manterse no liderado.
Segundo sinalou o colexiado na acta arbitral, a amoestación foi mostrada "por achegarse a unha zona do valado do terreo de xogo durante a celebración dun gol xerando un problema de seguridade".
Unha vez analizadas as imaxes, o Pontevedra decidiu finalmente presentar recurso ao entender que Charles non acode a celebrar o gol a unha zona habilitada para o público, dando a volta ao chegar á esquina para esperar pola felicitación dos seus compañeiros, e son os propios afeccionados os que invaden o terreo de xogo. Defende o club granate que non existe por tanto vontade do xogador de provocar tal situación.
Unha explicación que deberá convencer agora ao Xuíz de Competición, que este mércores tomará unha decisión respecto diso. Nas súas mans está que o máximo artilleiro do equipo poida estar presente nun encontro que se presenta decisivo.