Ángel Rodríguez: "Este árbitro pitounos na casa, equivocouse e a sensación que che dá é que quere compensar"

Pontevedra
17 de abril 2022

O adestrador do Pontevedra defendeu tras o empate ante o Arosa o traballo dos seus aínda que recoñecendo que "debiamos telo gañado", e queixouse da expulsión do colexiado na expulsión de Rubio xa que "a segunda amarela que lle saca a Alberto é penalti"

Ángel Rodríguez no partido de liga entre Arosa e Pontevedra na Lomba
Ángel Rodríguez no partido de liga entre Arosa e Pontevedra na Lomba /

Contrariado polo empate pero satisfeito do esforzo e traballo dos seus xogadores. Así compareceu este domingo Ángel Rodríguez na sala de prensa da Lomba tras o empate do Pontevedra fronte ao Arosa.

O técnico granate defendeu o traballo dos seus, aínda que recoñecendo que "o partido en liñas xerais debiamos gañalo". A pesar diso "o equipo tivo carácter, tivo orgullo, moita personalidade. Quizais cando mellor estivemos foi cando estivemos con 10, é cando o equipo sacou todo ese potencial que ten. Foi unha pena porque tivemos a ocasión de Javi, a de  Yelko que foron  clarísimas, unha de Charles...", explicou 

Sobre o encontro Rodríguez lamentou que "cando máis dominadores estabamos a ser do partido encaixamos un gol no primeiro disparo, iso xerounos un pouco de dúbidas, de impaciencia co balón".

O adestrador do Pontevedra queixouse tamén ante os medios de comunicación da expulsión de Alberto Rubio por dobre amarela, ambas as dúas tras senllas caídas dentro da área. "A segunda amarela que lle saca a Alberto é penalti. Ademais de que é penalti non é amarela. este árbitro pitounos na casa, equivocouse e a sensación que che dá é que quere compensar, entón equivócase dúas veces, é a única conclusión clara que saco do partido", sinalou con contundencia.

En canto á situación na que queda o equipo tras perder o liderado a falta de catro xornadas, Ángel Rodríguez mostrouse convencido de que "imos chegar ao obxectivo", aínda que agora xa non dependen de si mesmos. "Se non fallan (o Unión Adarve) non teremos nada que facer, pero espero que fallen e nós podamos outra vez poñernos por diante. Creo que son catro partidos complicados para todos os equipos", asegurou.

Por último o preparador acordouse dos numerosos seguidores pontevedreses que se deron cita na Lomba enviando "un agradecemento enorme a eles, porque se baleiraron. Creo que temos unha afección magnífica que está nun bo momento animando ao equipo, apoiando, ao lado do equipo, e creo que vai ser fundamental os dous partidos de casa telos así".