Ángel Rodríguez pide un público "ansioso e con ganas de animar" para recibir o Unión Adarve nun partido que "son máis que tres puntos"

Pontevedra
25 de marzo 2022

O técnico granate asegura que ter "moi claro como imos empezar e que equipo vou sacar" para recibir o domingo (19.00 horas) ao líder no Estadio Municipal de Pasarón nun partido que pode marcar os obxectivos do Pontevedra na súa aspiración por seguir optando ao ascenso directo. Todo o plantel está dispoñible para o choque

Ángel Rodríguez, no partido de liga entre Pontevedra e Móstoles en Pasarón
Ángel Rodríguez, no partido de liga entre Pontevedra e Móstoles en Pasarón / Cristina Saiz

A visita o vindeiro domingo 27 (19.00 horas) do líder Unión Adarve ao Estadio Municipal de Pasarón "é un partido que seguramente son máis que tres puntos", ademais de "esperado todo o ano", recoñece o adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Ángel Rodríguez.

En xogo estará o obxectivo dos granates de seguir pelexando polo primeiro debido a que outorga o ascenso de maneira directa, agora a 6 puntos, e por iso o técnico pide á bancada un esforzo. "Encantaríame que viñese o publico ansioso, con ganas de animar, que senta próximo o equipo e que sentan arroupados por eles, que cando pasen momentos no partido menos bos ese público e esa afección que temos nos axude", explica.

Rodríguez recoñece tamén que "un partido tan importante como este debiamos telo enfocado todos facéndolle sentir ao afeccionado o importante que é para nós, e seguramente atraer moita máis xente da que imos atraer, que vai ser maior que outro partidos pero que ao final tería que ser unha aposta por parte de todos".

O preparador pontevedrés defende que "neste tramo final o estar unido é moi importante para todos", aínda que o primeiro será render sobre o terreo de xogo. Para iso terá á súa disposición a todo o plantel, incluído un Charles que regresa á convocatoria tras dous partidos de sanción. "Para min é fundamental telo, poder dispoñer de Charles é un vantaxe. É o máximo goleador do equipo, deunos unhas prestacións tremendas, despoius a dispoñibilidade ou non a imos a ver o domingo. Eu teño moi claro como imos empezar e que equipo vou sacar", avanza Ángel Rodríguez.

Nesa visión do encontro gaña enteiros a aposta pola continuidade no once inicial, sobre todo tendo en conta a satisfacción do técnico co xogo nas últimas xornadas, máis aló da decepción que supuxo o empate a última hora contra o Coruxo. "Temos que seguir xogando como o estamos facendo, coa mesma intensidade e o mesmo ritmo de balón", defende.

En canto ao rival, un Unión Adarve é un equipo que se mantivo sólido no liderado porque "mostrou unha enteireza tremenda toda a tempada, que fai moitas moitas cousas ben. É un equipo con moita experiencia, sabe manexar ben os tempos do partido, sabe que toca en cada momento, atópase cómodo cando está replegado, que solta dous dianteiros e é capaz de facer perigo", analizou o adestrador dos de Pasarón.

O colexiado do choque o castelán-leonés Héctor Holgueras Castellanos.