Toda a tempada leva o Pontevedra perseguindo o Unión Adarve, pero agora que a competición entra na súa fase máis decisiva, os granates aumentaron o ritmo e o equipo madrileño xa sente o alento dos galegos na caluga. Quedan seis partidos e o intratable líder, que empeza a dar síntomas de fatiga, queda sen marxe de erro.
Salvou o Unión Adarve o primeiro match point como adoita facelo ao longo de toda a liga, sobre a bucina. O equipo madrileño logrou empatar co Compostela cun gol no último minuto de partido. De non facelo, a vitoria do Pontevedra en Navalcarnero poñería aos de Ángel Rodríguez no máis alto da táboa por primeira vez en todo o campionato.
A tendencia de ambos os equipos nas últimas semanas é contraposta. Mentres os granates gañaron tres do últimos catro partidos, os madrileños só lograron unha curta vitoria no campo do pechacancelas. E os rexistros non foron peores porque foron capaces de empatar nos minutos finais contra o Salamanca e o Compostela.
Pola contra, os de Pasarón están a demostrar deixar atrás a crise de febreiro a base de bo xogo, goles e vitorias contra rivais directos. Tropezaron en Coruxo cedendo un empate no desconto, pero deron un golpe na mesa para derrotar con autoridade ao primeiro e terceiro clasificado, Unión Adarve e Navalcarnero.
Xa cheira o sangue o Pontevedra e no vestiario granate confían en poder asestar o golpe definitivo a próxima xornada. Saltarán ao céspede de Pasarón para medirse ao Real Avilés o domingo ás 17 horas e farano sabendo xa o resultado do seu principal adversario, que xoga en Móstoles ese mesmo día ás 12 horas.
Os granates tratarán de facer valer a súa condición de local e favorito ao ascenso para superar a un rival que trata de fuxir dos postos de descenso, que teñen só a dous puntos. A priori, máis complicado teno o Unión Adarve, que visita ao Móstoles, un conxunto instalado na zona media da táboa ao que unha vitoria pode asegurarlle a permanencia e permitirlle soñar coa clasificación para o playoff, que teñen a trres puntos.
Senón se dá nesta xornada, a caza seguirá na seguinte, na que os granates, nun dos duelos máis complicados que lle resta neste curso, visitarán A Lomba, mentres que o Adarve recibirá ao Leganés B, metido tamén na pelexa por un posto na fase de ascenso.
A semana seguinte, os madrileños viaxarán a Galicia para medirse cun dos equipos revelación da tempada: o Bergantiños, mentres que os granates recibirán ao Langreo.
Ceares, Salamanca (en Pasarón) e Palencia completan o calendario do Pontevedra; Arenteiro, Marino (a domicilio) e Llanera, o do Unión Adarve.
No aire están 18 puntos e unha praza de ascenso directa á Primeira RFEF á que ningún dos dous equipos, man a man desde o mes novembro, están dispostos a renunciar.