Ángela Balado e Iván García 'pescan' medalla na President's Cup de Sofía

Marín
20 de maio 2025

A deportista cadete do Mat's de Marín conseguiu a medalla de ouro en Bulgaría, mentres que Iván García colgou o bronce en categoría sénior

Ángela Balado, no podio da President's Cup de Sofía
Ángela Balado, no podio da President's Cup de Sofía / Real Federación Española de Taekwondo

Grandes resultados os conseguidos polos deportistas do Mat's de Marín na President's Cup de taekwondo, prestixiosa competición celebrada na capital búlgara, Sofía.

Ángela Balado, que viña de ser medallista no Mundial cadete, volveu subir o podio esta vez en Bulgaria e fíxoo ao chanzo máis alto, cun ouro en +59 quilos.

Iniciou o torneo ante a grega Ioanna Christopoulou, nun combate no que tivo que remontar e que pechou en tres asaltos (7-8, 9-7 e 4-0).

Na semifinal enfrontouse á española Jéssica González vencendo con claridade (8-0 e 10-2), e na final mediuse á tamén española Alicia Palomino gañando de novo en dous asaltos (9-4 e 12-0).

En categoría cadete non tivo o mesmo éxito Nicolás Casas (-49, Mace Sport), gañando o seu primeiro combate ao italiano Valerio Gr Caccamo pero caendo no segundo contra o grego Spyropoulos Iasonas.

Si houbo medalla en categoría sénior con Iván García (+87, Mat's), cun bronce.

O marinense arrincou con forza impóndose en dous asaltos nos seus dous primeiros combates contra Aliaksei Davidovich e o turco Emre Atesli, pero non puido en semifinais co ruso Rafail Aiukaev tendo que conformarse co bronce pero cun premio extra, confirmar a súa clasificación para o próximo Mundial.

Quedou pola súa banda preto do podio Sergio Troitiño (-87, Mat's), ao gañar os seus dous primeiros combates contra Matuii Forostiuk (Ucraína) e Kelen Bailey (Hungría) e perder en cuartos de final fronte ao noruegués Richard A. Ordemann.

Na President's Cup competiron tamén Arlet Ortiz (Mat's) e Ekaterina Rebón (Número Phi) en -62 quilos, gañando ambas as dúas en primeira rolda e cedendo no seu segundo combate.