É o seu principal obxectivo da tempada e como tal o tratou o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, cunha concentración dun mes en Navacerrada e posta a punto en carreiras recentes como a Volta Ciclista a Cantabria.
O equipo pontevedrés afronta desde este xoves en Monforte a XVI edición da Volta a Galicia, proba que contará coa presenza 18 equipos de España, Francia e Portugal e un pelotón de 126 corredores.
"O equipo chega moi ben de forma", recoñece o seu director, Evaristo Portela, aínda que coa ausencia de última hora por motivos familiares dun dos seus líderes, Pedro Merino.
Con todo o Froiz reforzouse e contará nas súas filas co noruegués Erlend Sor (Escribano Sport Team), recente vencedor da Volta a Valencia e que defenderá as cores da escuadra alimenticia como cedido.
Miguel Gómez, David González, Leonel Coutinho, Martín Lestido, Iván Martínez e Martín Bouzas completan a formación para unha carreira que contará con catro etapas, empezando por unha contrarreloxo por equipos que pode resultar decisiva xa que á Volta a Galicia "fáltalle un final en alto" que marque diferenzas, opina Portela.
Con todo trátase de "unha das mellores carreiras que se organizan en España", defende o director pontevedrés.
Ademais da contrarreloxo, a Volta a Galicia contará con outras tres etapas en liña en Monforte (venres 15), Lalín (sábado 16) e Santiago (domingo 17).
Antes de partir cara a Monforte o equipo alimenticio, concentrado na proba, recibiu os ánimos do seu patrón, Magín Froiz, no centro loxístico da empresa en Lourido.