Obxectivo cumprido para o Froiz, vencedor da Volta a Galicia con Martín Lestido

Pontevedra
17 de setembro 2017

O equipo pontevedrés tomou o liderado na primeira xornada da rolda, tras un gran crono por equipos, e traballou a fondo durante o restantes tres xornadas para evitar escapadas que desen ao traste co triunfo

Podio final da XVI Volta a Galicia con Martín Lestido como vencedor
Podio final da XVI Volta a Galicia con Martín Lestido como vencedor / Grupo Deportivos Supermercados Fróiz

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz adxudicouse este domingo a XVI Volta a Galicia de Ciclismo por medio de Martín Lestido.

O equipo pontevedrés cumpre así un dos seus obxectivos da tempada despois de demostrar a súa fortaleza como bloque.

Lestido fíxose co liderado na primeira xornada, na que o Froiz se impuxo na crono por equipos disputada en Monforte. Desde entón, a escuadra dirixida por Evaristo Portela apostou por controlar a carreira para, cun gran traballo de equipo, impedir que callasen escapadas perigosas e que se abrisen amplas diferenzas.

Desta forma as tres etapas seguintes decidíronse ao sprint. Tamén a definitiva disputada este domingo con 130 quilómetros de percorrido e saída e chegada en Santiago de Compostela.

Foi unha xornada moi rápida, con 43,5 km/h de media na que se produciron varios escapadas pero que nunca chegaron a ter máis de 2 minutos de vantaxe ante o control do Froiz.

Ao final chegada agrupada na que Alexandr Grigorev (Deputación de León) foi o máis rápido e Lestido entrou en quinta posición, con David González sexto. Desta forma Lestido encabezou a xeral co mesmo tempo que o seu compañeiro de equipo David González e 3 segundos de renda sobre Willen Jakobus (Rías Baixas).

Para completar o seu botín o Grupo Deportivo Supermercados Froiz levou tamén a clasificación por equipos.