Ante a Ponferradina, prezos populares para aumentar a asistencia a Pasarón

Pontevedra
14 de marzo 2018

A importancia do partido do próximo domingo, ante un rival directo pola permanencia e nunha semana na que o equipo caeu a postos de descenso, motivou a decisión do Pontevedra de rebaixar por primeira vez esta tempada o prezo habitual das entradas

Partido entre Pontevedra e Fuenlabrada e Pasarón
Partido entre Pontevedra e Fuenlabrada e Pasarón / Diego Torrado

SOS do Pontevedra Club de Fútbol á súa afección para tentar saír da complicada situación na que se atopa o equipo, inmerso en postos de descenso directo a Terceira División desde a pasada xornada.

Con tempo por diante pero sen marxe para o erro, os granates vivirán o vindeiro domingo (17:00 horas) un duelo de vital importancia ao medirse no Estadio Municipal de Pasarón a un dos seus rivais directos na loita por salvar a categoría, a Ponferradina, que conta con 5 puntos máis na clasificación.

Por iso, conscientes do moito que haberá en xogo, o Consello de Administración do Pontevedra decidiu lanzar importantes promocións para o encontro co obxectivo de aumentar a asistencia no coliseo pontevedrés e axudar así ao equipo a lograr tres puntos moi valiosos.

Por primeira vez esta tempada o club deixa de lado o abanico de prezos habitual fixado a inicio de curso, en función do rival, ofrecendo unha considerable rebaixa nunha campaña especial que conta co lema "Se ti vés... Gañamos!".

Así, a entrada de Tribuna terá un custo de 10 euros e as tres bancadas restantes (Preferencia e fondos) custarán só 5 euros. Iso en canto aos maiores de 18 anos, porque os menores de idade contarán con acceso de balde ao estadio.

Ademais, e neste caso só ata o venres nas oficinas do club en  Pasarón (9:00 a 14:00 e 16:00 a 19:00 horas), os abonados do Pontevedra poderán retirar unha invitación, aínda que será exclusivamente para a bancada de Preferencia.

O domingo 18 de marzo os despachos de billetes do estadio abrirán ao público unha hora e media antes do choque.