Ante o Caudal, a pechar a primeira volta con pleno de vitorias na casa

Pontevedra
17 de decembro 2016

O Pontevedra recibe este domingo (17:00 horas) ao Caudal de Mieres no que será o seu último partido do ano co obxectivo de manter a súa imbatibilidade en Pasarón e pechar a primera volta asentado en postos de play-off de ascenso. Luisito non poderá contar con Kevin Presa por lesión

Edu Sousa e Luisito durante un adestramento en Príncipe Felipe
Edu Sousa e Luisito durante un adestramento en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Último partido do ano para un Pontevedra que quere pechar a primeira volta da competición asentado nos postos de play-off de ascenso.

Para iso deben derrotar este domingo en Pasarón (17:00 horas) ao Caudal Deportivo, equipo recentemente ascendido pero que marcha nunha cómoda undécima posición. Será un duelo entre o mellor local da categoría contra o segundo peor visitante do Grupo I, posto que os asturianos só sumaron seis puntos a domicilio na presente tempada.

A pesar destes números non se fía o Pontevedra, que busca o pleno de vitorias no Estadio Municipal de Pasarón durante a primeira volta da competición.

Luisito non poderá contar para a cita con Kevin Presa, que descansará debido ás molestias musculares que lle obrigaron a pedir o cambio a pasada xornada en Aranda de Duero , ademaís de co lesionado Iker Alegre.

Pola súa banda o Caudal recupera ao ex-granate Noel Alonso tras dous partidos de sanción, pero perde ao centrocampista Óscar Pérez, expulsado no choque ante o Celta B.

O colexiado do encontro será o castelán-leonés Alfonso Vicente del Moral, que xa arbitrou esta campaña nunha ocasión aos granates, na derrota pola mínima en Vigo ante o Celta B.

RECOLLIDA SOLIDARIA DE ALIMENTOS

O Pontevedra puxo en marcha esta semana unha recollida solidaria de alimentos, que continuará o día do partido, desde unha hora antes na oficinas do club.

Como incentivo, o socio que participe na campaña con polo menos un quilo de comida poderá retirar unha invitación para o partido, para o Fondo Sur, ou adquirir dúas entradas para calquera outra bancada ao 50% de desconto.