Os excesos en Nadal teñen castigo no Pontevedra

Pontevedra
19 de decembro 2016

O equipo granate pecha a primeira volta da competición consolidado na zona de play-off de ascenso a Segunda División e como mellor cuarto clasificado de toda a Segunda B. O primeiro plantel non volverá aos adestramentos ata o vindeiro luns 26 de decembro

Luisito durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Luisito durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

O Pontevedra pechou este domingo en Pasarón unha sobresaliente primeira volta de competición consolidado na zona de play-off de ascenso a Segunda División. Fíxoo cun empate ante o Caudal que rompía a serie de triunfos na casa pero sen perder en Pasarón cando se chega ao ecuador da competición.

Concluída a primeira volta, os números avalan o traballo que está a realizar o equipo, con cinco puntos de renda sobre o quinto clasificado, Valladolid B, e sete sobre un claro aspirante ao ascenso como a Ponferradina, sendo o mellor cuarto clasificado de toda a Segunda B.

Os 37 puntos que logrou ata o momento o equipo valeríanlle para coliderar o Grupo II ou ser segundo no Grupo III e o IV. Con todo no Grupo I destaca a Cultural Leonesa con 46 puntos e o segundo, o Real Racing, avantaxa en catro puntos ao Pontevedra.

Luisito multará con 50 euros cada quilo de maís con que regresen os xogadores

Luisito deu unha semana de descanso ao primeiro plantel, que non volverá aos adestramentos ata o vindeiro luns 26 de decembro, aínda que o fixo cun pequeno encargo, coidarse dos excesos propios das celebracións do Nadal. De feito o técnico de Teo multará con 50 euros cada quilo de máis co que regresen os seus xogadores.

Toda unha declaración de intencións, e é que o adestrador granate é consciente de que queda moito por facer e quere que os seus cheguen na mellor forma posible ao duelo do próximo 8 de xaneiro ante o Guijuelo en Pasarón.

Tras ese partido o Pontevedra completará o mes de xaneiro xogando o día 15 no campo do Mutilvera, recibindo o día 22 ao Real Racing Club de Santander e viaxando o 29 de xaneiro a Palencia.