Volta ao traballo dun Pontevedra que corre o escalafón para cubrir a baixa no banco do filial

Pontevedra
25 de decembro 2016

Tanto o Pontevedra como o seu filial regresan ao traballo este luns tras as vacacións do Nadal. No caso do Pontevedra B, farano con novo inquilino do banco. 'Tonete', que ascende no escalafón de técnicos granates, pasando a dirixir ao filial ata final de tempada

Roberto Valdés, Luisito e Pepe Rico nun adestramento do Pontevedra
Roberto Valdés, Luisito e Pepe Rico nun adestramento do Pontevedra / Mónica Patxot

Acabáronse as vacacións do Nadal e é a hora fixada por Luisito para a volta ao traballo dos seus homes. Será o momento de comprobar se os xogadores do Pontevedra cumpriron as instrucións do seu técnico e chegan en boa forma, ou se pola contra haberán de pagar con 50 euros de multa cada quilo de máis que acumulasen nestas festas.

Será tamén o momento de realizar unha mínima pretemporada, antes do comezo da segunda volta, coa visita a Pasarón do Guijuelo, o próximo 8 de xaneiro. A cita para os granates neste primeiro adestramento tras o parón, será en Príncipe Felipe, ás 17:30 horas.

'TONETE' FAISE CARGO DO BANCO DO FILIAL

No mesmo escenario de Príncipe Felipe, a continuación do primeiro equipo, volverá tamén ao traballo o Pontevedra B (19:00 horas) e farao cunha cara nova no seu banco, ocupando o posto de Santi Mariño.

Roberto Feáns optou por facer correr o escalafón dentro dos técnicos da casa, mantendo a Óscar Guimeráns no xuvenil de Liga Nacional, pero recorrendo a un adestrador e ex xogador da casa, Antonio Fernández de Paula 'Tonete', ata agora traballando cos equipos de base, que será quen leve as rendas do filial ata final de tempada, tentando sacalo da delicada situación que atravesa, penúltimo na táboa, para polo menos salvar a categoría.