Os xogadores do Pontevedra empezan a baixar o turrón

Pontevedra
26 de decembro 2016

O primeiro plantel granate volveu aos adestramentos este luns tras as vacacións do Nadal coas únicas ausencias do lesionado Iker Alegre e Abel Suárez, con permiso do club para incoporarse un día máis tarde. O corpo técnico programou unha semana de carga física a modo de minipretempada que permita chegar en boas condicións ao choque do día 8 ante o Guijuelo

Primeiro adestramento do Pontevedra tralas vacacións de Nadal
Primeiro adestramento do Pontevedra tralas vacacións de Nadal / Mónica Patxot

"Veñen bastante ben, e o que máis interésame é que volvan con ilusión", sentenciou Luisito ao termo do primeiro adestramento do Pontevedra Club de Fútbol tras as vacacións de Nadal, celebrado este luns no campo da Cidade Infantil Príncipe Felipe.

O primeiro plantel puxo o mono de traballo e comezou a baixar o turrón do Nadal cunha sesión de carga física no inicio dunha minipretempada, segundo recoñeceu o propio técnico, para chegar nas mellores condicións posibles ao duelo do día 8 de xaneiro ante o Guijuelo.

Desta forma os granates adestrarán todos os días ata o xoves e o venres xogarán un encontro amigable na Estrada ante o Compostela (18:00 horas). Tras esta cita descansarán o sábado 31 de decembro e o domingo 1 de xaneiro para afrontar despois xa a primeira semana de competición do ano.

Na volta ao traballo as noticias foron positivas en canto aos futbolistas que arrastran problemas físicos, xa que Kevin Presa adestrou con normalidade e David Añón e Miguel Loureiro fixérono a bo ritmo, salvo nos exercicios con balón nos que non participaron por precaución. Con todo a súa dispoñibilidade para o primeiro partido da segunda volta dáse por segura.

Os únicos xogadores que non tomaron parte no adestramento foron o lesionado Iker Alegre, que segue co seu proceso de recuperación, e Abel Suárez, con permiso do club para incorporarse á disciplina do grupo cun día de atraso.