Acudir ou non ao mercado de fichaxes, velaí a cuestión

Pontevedra
22 de decembro 2016

O Pontevedra debe decidir nos próximos días se, coa apertura do mercado invernal de fichaxes, quere reforzar o equipo para a segunda volta de competición. Actualmente o club só ten dispoñible unha ficha no primeiro plantel, para un xogador en idade sub-23

Luisito, Roberto Feáns e Santi Mariño en Pasarón
Luisito, Roberto Feáns e Santi Mariño en Pasarón / Mónica Patxot

A poucos días de que abra o mercado invernal de fichaxes, o vindeiro luns 2 de xaneiro, o Pontevedra estuda se reforzar ou non ao equipo para afrontar a segunda volta da competición, na que tentará defender a súa posición de privilexio entre os catro primeiros da liga.

Desde que caeu lesionado de gravidade Iker Alegre, o responsable deportivo do club, Roberto Feáns, recoñeceu sondar o mercado por se xurdía algunha opción interesante, aínda que naquel momento decidiuse apostar pola recuperación do atacante, que empeza a afrontar agora a fase final da súa recuperación, tras sufrir unha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo.

O club só conta na actualidade cunha ficha libre no seu primeiro plantel, para un futbolista en idade sub-23, polo que se pretende incorporar un xogador senior debería dar algunha baixa.

A boa marcha do equipo, cuarto clasificado con 37 puntos, e a satisfacción que mostrou Luisito co rendemento dos xogadores fai pouco probable que haxa moitos movementos no mes de xaneiro, unha situación que só cambiaría se algún futbolista pide ao técnico e ao club a súa baixa, pero iso polo momento non se produciu.

Outro dos asuntos que debe solucionar a dirección técnica durante estas datas é a contratación dun adestrador para o filial de Primeira Rexional, tras a destitución de Santi Mariño ante a mala serie de resultados que atravesa o equipo, penúltimo clasificado.