O primeiro plantel do Pontevedra apura estes días as súas merecidas vacacións de Nadal antes de volver ao traballo o vindeiro luns 26 de decembro, data na que están de novo citados para poñerse ás ordes de Luisito.
Os granates terán dúas semanas para preparar o primeiro partido ligueiro do ano, do día 8 de xaneiro ante o Guijuelo en Pasarón, no que será o inicio da segunda volta.
Para recuperar o ritmo de competición canto antes o corpo técnico planificou catro días de adestramentos sen descanso, de luns a xoves, para concluír a semana cun encontro amigable.
O rival será a Sociedade Deportiva Compostela, sétimo clasificado na Terceira División galega, con motivo dun torneo benéfico que se disputará o venres 30 de decembro no Novo Municipal da Estrada, nun horario de tarde aínda por confirmar.
A recadación do choque irá destinada á Asociación de Pais de Persoas con Autismo de Centros de Apoio Familiar (APACAF).