Antes do Luís Otero, xunta de accionistas en Pasarón

Pontevedra
22 de xullo 2025
Actualizado: 12:00

O Pontevedra Club de Fútbol celebrará este mércores 23 de xullo a Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas que foi aprazada o pasado mes de decembro

Xunta Xeral Extraordinaria do Pontevedra CF
Xunta Xeral Extraordinaria do Pontevedra CF / PontevedraViva

O Estadio Municipal de Pasarón acollerá este mércores 23 de xullo a súa primeira actividade da tempada, e non será estritamente deportiva.

Antes de ser escenario do Trofeo Luís Otero fronte á Cultural Leonesa, o Pontevedra Club de Fútbol ten unha importante cita coa Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas que foi aprazada o pasado mes de decembro.

Por primeira vez esta convocatoria cos accionistas celebrarase no propio estadio, xa que nos últimos anos as reunións tiveran como escenario lugares como o Teatro Principal, o Pazo da Cultura ou o edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal.

Os accionistas granates están citados en primeira convocatoria ás 17.45 horas do mércores, e no caso de non existir quorum un día despois á mesma hora, con acceso ao estadio a través da porta de Presidencia, na bancada de Tribuna.

Sobre a mesa haberá sete puntoas na orde do día, sendo o asunto principal o estado das contas a exercicio pechado o 30 de xuño de 2024.

Este é a orde do día da Xunta Xeral Ordinaria do Pontevedra Club de Fútbol segundo a convocatoria publicada no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil:

Primeiro.- Informe da Presidenta sobre a tempada pecha a 30 de xuño de 2024.

Segundo.- Exame e aprobación, se procede, das contas do exercicio económico pecho a 30 de xuño de 2024, relativo á tempada 2023/2024 (balance de situación, conta de perdas e ganancias e memoria), do informe de xestión da Sociedade e da xestión do seu órgano de administración, correspondentes ao exercicio social pechado a 30 de xuño de 2024.

Terceiro.- Aplicación do resultado do exercicio social pechado a 30 de xuño de 2024.

Cuarto.- Exposición e aprobación do orzamento do club 2024/2025.

Quinto.- Proposición de renovación de auditor de contas da sociedade para o exercicio 2024/2025.

Sexto.- Delegación das facultades que sexan oportunas na Presidenta para a plena execución e formalización dos anteriores acordos da Xunta.

Sétimo.- Rogos e preguntas.