O primeiro reto internacional do ano para Antía Chamosa xa ten data e lugar, tras a súa recente participación no Campionato de España de 20 quilómetros Marcha celebrado en Pamplona.
A atleta pontevedresa da Sociedad Gimnástica foi convocada polo seleccionador nacional, José Peiró, para competir con España no Campionato do Mundo de Marcha por Equipos que terá lugar a principios de marzo en Omán. En concreto o Mundial disputarase os días 4 e 5 de marzo na localidade de Muscat.
Alí Chamosa, que foi quinta nun nacional dominado pola campioa europea María Pérez, correrá precisamente a proba dos 20 quilómetros xunto a Lida Sánchez-Puebla, cuarta en Pamplona. Será a única proba mundialista na que España non completará o seu equipo con só dous participantes.
O equipo español complétano nos 35 quilómetros masculinos Miguel Ángel López, Álvaro Martín, Marc Tur, Manuel Bermúdez e Álvaro López; nos 35 quilómetros femininos Laura García Caro, Raquel González, Mar Juárez Carmen Escariz e Cristina Montesinos; e nos 20 quilómetros masculinos Diego García Carrera, Alberto Amezcua, Paul Mcgrath, Iván López e José Manuel Pérez.
Por último en categoría sub-20 competirán Lucía Redondo, Griselda Serret, Eva Rico, Pablo Pastor, Óscar Martínez e Pablo Rodríguez.
A de Omán será a primeira gran cita internacional da tempada, pero non a única, xa que no horizonte aparecen tamén o Campionato do Mundo en xullo en Eugene (Estados Unidos) e o Campionato de Europa en agosto en Munich (Alemaña).