Antía Sestelo estrea internacionalidade

Marín
28 de xuño 2019

A atleta marinense, campioa de España sub-18 en lanzamento de xavelina, foi convocada pola Selección Española para competir na Copa Ibérica

Antía Sestelo, tras vencer no Campionato de España Sub-18 de Lanzamentos Concello de Marín

A impresionante progresión de Antía Sestelo non pasou desapercibida para os técnicos da Real Federación Española de Atletismo.

A deportista marinense, actual campioa de España  sub-18 de lanzamento de xavelina, foi convocada pola Selección Española para participar na Copa Ibérica da categoría que enfrontará este sábado 29 de xuño a España e Portugal nas pistas madrileñas pistas de Moratalaz.

Será a primeira vez que a pupila de Javier López Viñas vista as cores da Selección Española, estreando internacionalidade.

Este era precisamente un dos obxectivos da tempada de Sestelo, que ostenta o actual récord galego (47,74 metros) e que tentará nesta cita seguir a senda dos últimos meses mellorando a súa marca.

O concurso de xavelina, no que participará a marinense, ten previsto o seu comezo ás 20:00 horas.