Un protocolo contra a calor extrema velará polas persoas sen fogar en Pontevedra

Pontevedra
02 de xullo 2026

O dispositivo activarase automaticamente sempre que Meteogalicia prevexa temperaturas iguais ou superiores aos 37 graos centígrados

Persoas en situación de indixencia
Persoas en situación de indixencia / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra estreou este xoves un novo protocolo de actuación destinado a minimizar os efectos das altas temperaturas entre as persoas sen fogar, un colectivo especialmente vulnerable durante os episodios de calor extrema.

A medida pasa a formar parte do Protocolo de emerxencias por causas meteorolóxicas adversas, que tamén inclúe as actuacións previstas para os períodos de frío.

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, explicou que o obxectivo é garantir unha resposta coordinada e eficaz cando se produzan situacións de risco derivadas das condicións meteorolóxicas.

O dispositivo activarase automaticamente sempre que Meteogalicia prevexa temperaturas iguais ou superiores aos 37 graos centígrados, un escenario asociado á alerta laranxa por risco importante para a poboación, ou cando se declare unha alerta sanitaria.

Ademais, o departamento municipal de Benestar Social poderá poñelo en marcha noutras circunstancias se considera que as condicións así o requiren para asegurar a protección das persoas afectadas.

As actuacións concentraranse especialmente entre as 14.00 e as 16.00 horas, a franxa do día na que adoita rexistrarse a maior intensidade da radiación solar e na que boa parte dos recursos sociais permanecen pechados.

Durante ese período, persoal voluntario de Protección Civil distribuirá botellas de auga fresca ás persoas sen fogar, comprobará o seu estado e facilitaralles información sobre as medidas de prevención fronte á calor extrema, ademais de orientalas sobre os recursos asistenciais dispoñibles no municipio.

Segundo destaca o Concello, o novo protocolo reforza a coordinación entre a administración local, as entidades sociais, Protección Civil e a Policía Local, co propósito de ofrecer unha resposta conxunta e evitar que ningunha persoa quede desatendida durante episodios de condicións meteorolóxicas especialmente adversas.